A Xunta presenta alegacións ao novo Mapa Concesional de transporte por estrada para garantir a conectividade de Galicia

O novo mapa reduce un 32 % as rutas con parada en Galicia e elimina máis de 4.500 circulacións anuais, ademais de perder 33 paradas fixas que pasarán a facerse baixo demanda

As alegacións presentadas pola Dirección Xeral de Mobilidade solicitan recuperar os servizos suprimidos e reforzar as conexións con Madrid, o norte peninsular e Salamanca

A Xunta lamenta que, malia ter solicitado en numerosas ocasións unha Conferencia Sectorial de Transportes para abordar o mapa concesional, esta non chegou a celebrarse

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de presentar alegacións aos anteproxectos do novo Mapa Concesional de servizos regulares de transporte por estrada impulsado polo Goberno central e denuncia que a proposta supón unha redución significativa das conexións que prestan servizo á comunidade, cun prexuízo especial para os territorios rurais.

O novo mapa contempla cinco corredores estatais que afectan a Galicia: Pontevedra–Salamanca–San Sebastián–Barcelona, Santiago de Compostela–Santander–Bilbao–Barcelona, A Coruña–Salamanca–Sevilla, San Sebastián–Pontevedra e Madrid–Salamanca–Pontevedra. Aínda que se mantén o mesmo número de corredores que nas actuais concesións estatais, a proposta reduce de 44 a 30 as rutas con parada en Galicia, o que supón unha caída do 32%.

Así, o novo modelo implica a supresión de 4.542 circulacións anuais e a perda de preto de 2,94 millóns de quilómetros percorridos. Ademais, 30 municipios galegos pasarían de contar con parada fixa a un sistema de prestación baixo demanda, o que afecta a 33 paradas situadas en territorio galego, mentres que só A Coruña, Becerreá, Betanzos, Ferrol, Guitiriz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Verín, Vigo e Vilalba manterían parada fixa en todos os corredores nos que participan.

Entre as supresións máis significativas previstas na proposta figuran a conexión Santiago de Compostela–Barcelona por Lalín, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras; as rutas rápidas Ourense–Barcelona e Ourense–Bilbao; a liña Vigo–Pamplona; a conexión Pontevedra–Salou; o treito Salamanca–Alxeciras da ruta Ferrol–Salamanca, que deixa sen conexión directa a Ferrol e Lugo con ese itinerario; e a ruta rápida A Coruña–Madrid. Así mesmo, unifícanse as rutas Ribadeo-Madrid e Luarca-Lugo coa conseguinte perda de servizos.

A Xunta lamenta que o novo mapa priorice a conexión entre os grandes núcleos de poboación e os principais nodos de transporte en detrimento da cohesión territorial e do mantemento de servizos básicos para amplas zonas do interior e do rural galego. Neste sentido, advirte de que conexións de tráfico consolidado, como as que unen Galicia con Bilbao ou Barcelona, ven reducida ou eliminada a súa oferta.

Un mapa deseñado sen contar coas comunidades

Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, levaba desde hai tempo reclamando a convocatoria da Conferencia Sectorial de Transportes, que non se celebraba desde xullo de 2022, a pesar de que a normativa establece que debe reunirse, como mínimo, cada seis meses.

O principal motivo desta petición era que o debate sobre o novo Mapa Concesional se trasladase a este órgano de carácter político e estratéxico. De feito, na Comisión de Directores Xerais de Transporte do 23 de xullo de 2025, Galicia e outras dez comunidades autónomas conseguiron retirar este asunto da orde do día ao considerar que debía abordarse na Conferencia Sectorial.

Porén, aínda que o Ministerio convocou finalmente a Conferencia Sectorial para este martes, o novo Mapa Concesional non se chegou a abordar. A Xunta considera que esta decisión, así como a ausencia do ministro Óscar Puente na reunión, evidencia a falta de diálogo do Goberno central coas comunidades autónomas nunha cuestión que afecta directamente á cohesión territorial e á igualdade no acceso ao transporte público.

Nas alegacións presentadas, Galicia solicita que se teñan en conta as súas circunstancias xeográficas e de poboación e que se garantan as conexións no rural. Ao seu xuízo, o paso dun número tan elevado de municipios ao sistema baixo demanda favorece unicamente os grandes nós de transporte e os núcleos máis poboados, deixando fóra liñas de tráfico importante, como as conexións das cidades galegas con Bilbao e Barcelona.

Neste sentido, a Xunta advirte de que a eliminación destas conexións obrigaría ás comunidades autónomas a asumir novos servizos e un maior esforzo económico para evitar o illamento dos municipios afectados e manter un nivel de servizo adecuado no transporte público.

Alegacións aos cinco corredores

Por este motivo, a Xunta solicita o mantemento de todos os servizos actualmente existentes nas concesións estatais; o reforzo das conexións coa zona norte da Península, con Madrid e con Salamanca mediante, cando menos, un servizo diario de ida e volta durante todo o ano; e unha mellora das conexións coas universidades de referencia para Galicia (León, Oviedo, Santander, Valladolid e Salamanca), especialmente nas fins de semana, para facilitar os desprazamentos da comunidade universitaria.

A maiores destas medidas de carácter xeral, a Dirección Xeral de Mobilidade presentou alegacións específicas para cada un dos cinco corredores afectados. Entre elas inclúense a restitución das rutas e servizos suprimidos, a recuperación de paradas fixas en numerosos municipios galegos, o reforzo das conexións consideradas estratéxicas para Galicia e a corrección da toponimia oficial galega en distintas rutas e paradas.

No corredor Pontevedra–Salamanca–San Sebastián–Barcelona solicítase recuperar cinco rutas eliminadas, entre elas Santiago de Compostela–Barcelona, Vigo–Pamplona, Pontevedra–Salou, Ourense–Barcelona e Ourense–Bilbao, ademais da restitución das paradas de Soutelo e do Carballiño e do reforzo das conexións co norte peninsular.

No corredor Santiago de Compostela–Santander–Bilbao–Barcelona reclámase manter paradas fixas en Baralla e Pedrafita do Cebreiro e reforzar as conexións universitarias.

Para o corredor A Coruña–Salamanca–Sevilla, a Xunta pide recuperar o treito Salamanca–Alxeciras, restituír os servizos reducidos na ruta A Coruña–Salamanca e reforzar as conexións con Salamanca, así como o servizo universitario a Ponferrada, Zamora e Salamanca.

No corredor San Sebastián–Pontevedra reclámase recuperar a ruta rápida A Coruña–Madrid, incrementar o número de paradas fixas —incluída unha nova en Ribadeo— e reforzar as conexións universitarias con Madrid e co norte peninsular.

Finalmente, no corredor Madrid–Salamanca–Pontevedra solicítase recuperar os servizos semanais suprimidos, os reforzos de Semana Santa e do verán, incrementar o número de paradas fixas e reforzar a conexión diaria con Madrid.

Data de actualización: 29/07/2026