A Xunta pon en valor as obras de mellora acometidas na praza de abastos de Noia cun apoio autonómico superior ao medio millón de euros

O director xeral de Comercio e Consumo visitou esta mañá o mercado para comprobar de primeira man os traballos sufragados polo Goberno galego nun 50%

Consistiron na rehabilitación do inmoble, reordenando o espazo comercial, mellorando a accesibilidade e incorporando novos servizos e utilidades  

Gabriel Alén aproveitou para recordar que está aberta a convocatoria da Xunta que -cun orzamento de 1.280.000 euros- busca potenciar as prazas de abastos e mercados e transformalos en Mercados Excelentes

Noia (A Coruña), 30 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a praza de abastos da localidade coruñesa de Noia, onde comprobou de primeira man as melloras realizadas -que contaron cun investimento da Xunta superior ao medio millón de euros- e que lle permitirán proximamente iniciar a tramitación para adherirse ao selo de Mercado Excelente.

En concreto, apostouse pola rehabilitación do inmoble, mantendo a súa morfoloxía e o seu uso como mercado permanente e reordenando o espazo comercial para unha mellor organización de cara á clientela.

O proxecto completouse con outras actuacións como a mellora da accesibilidade do edificio, cun ascensor que comunica a planta baixa e a primeira, e a incorporación de novos servizos como o de consigna e almacéns, entre outras utilidades.

Mercados Excelentes

O director xeral aproveitou a visita para recordar que está aberta a convocatoria que -cun orzamento de 1.280.000 euros- busca potenciar as prazas de abastos e mercados e transformalos en Mercados Excelentes, no marco da aposta da Xunta pola revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.

O indicativo pode ser solicitado por concellos, asociacións ou federacións de prazas de abastos e mercados, e outórgase en base ao cumprimento duns estándares que están a ser redefinidos pola Xunta en coordinación co sector, para atender ás novas realidades e potencialidades destes espazos.

Con estas axudas, búscase posibilitar actuacións que sirvan para fomentar a mellora deste tipo de instalacións, atender as necesidades de comerciantes e clientes, aproveitar a situación estratéxica dos mercados nas cidades e vilas e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego agroalimentario de calidade, ademais da súa capacidade de dinamización comercial e turística.

Tamén se persegue vencellar as prazas de abastos a valores como a sustentabilidade, a protección do medio, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade, así como mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que prestan, favorecendo a coordinación cos centros comerciais abertos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024