A Xunta impulsa esta fin de semana en Mondariz a divulgación dos oficios artesanais
A Fundación Artesanía de Galicia patrocina dous obradoiros de balde especializados en estampaxe coa técnica do Gyotaku e nas cianotipias, impartidos por Peixesapop
A programación da 35ª Feira dos Oficios Artesanais -que se celebra entre mañá e domingo na Praza de Mondariz- ábrese hoxe co pregón do artesán Álvaro M. Leiro, especializado en cestería de palla
O pregoeiro foi recoñecido no ano 2023 co Premio Nacional de Artesanía outorgado polo Ministerio de Industria e Turismo como Premio Nacional de Artesanía e co Premio Mestre Artesán ao Mellor Artesán de Vangarda do Círculo Fortuny
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024
A Xunta continúa co seu apoio á divulgación dos nosos oficios artesanais e da marca Artesanía de Galicia a través da colaboración en eventos especializados que se celebran en diferentes localidades galegas. Durante esta fin de semana, en concreto, colabora coa 35ª Feira dos Oficios Artesanais de Mondariz, a través do patrocinio de dous obradoiros de balde e abertos a todos os públicos impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop.
Así, mañá sábado, terá lugar o obradoiro de Gyotaku aplicado a saquetas de tea, no que os asistentes poderán coñecer unha técnica de estampaxe tradicional xaponesa que consiste na impresión natural dun elemento, en concreto de peixes. O taller celebrarase en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 21,00 h.
O domingo, mentres, o obradoiro estará centrado nas cianotipias, un procedemento fotográfico no que, empregando papel de acuarela e produtos químicos sensibles á luz, exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian. O horario deste obradoiro é de 11,00 a 14,30 h. e de 18,00 a 21,30 horas.
Álvaro Leiro, Premio Nacional de Artesanía 2023
A 35ª Feira dos oficios artesanais de Mondariz ábrese esta noite co pregón do artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), que terá lugar a partir das 21,00 horas na Praza do Concello. Leiro resultou galardoado no ano 2023 con dous importantes premios: o Premio Nacional de Artesanía 2023, outorgado polo Ministerio de Industria e Turismo, e o Premio Mestre Artesán ao Mellor Artesán de Vangarda, do Círculo Fortuny.
Álvaro Leiro, especializado na cestería en espiral, é un dos artesáns de referencia en Artesanía de Galicia posto que o seu traballo reflicte o respecto e a recuperación das técnicas tradicionais xunto coa incorporación da artesanía ao ámbito do deseño contemporáneo.
A investigación constitúe unha parte fundamental do seu traballo e ao longo da súa traxectoria conseguiu recuperar e documentar un total de 14 modelos de corozas, unha das prendas máis antigas da vestimenta tradicional que servía para se resgardar da chuvia. Dende o ano 2016 colabora coa marca Loewe e os seus deseños forman parte do seu catálogo de bolsos e de complementos da marca.