A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Frades estudan vías de colaboración para ampliar a ETAP de Ponte Carreira

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, acordaron nunha reunión que mantiveron recentemente buscar vías de colaboración para levar a cabo a ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP), localizada no lugar de Ponte Carreira.

Cómpre indicar que Augas de Galicia xa avaliou un proxecto inicial presentado polo Concello, a quen se lle trasladaron algunhas modificacións que era necesario incluír. Segundo lle comunicou o alcalde á conselleira, estase a ultimar a proposta reformulada para poder acometer esta iniciativa prioritaria para o municipio.

Máis polo miúdo, esta actuación suporía incrementar a capacidade de tratamento e operatividade da ETAP nun 20% a través da substitución das bombas existentes na captación e en alta e a instalación dun novo decantador así como doutro filtro.

Ángeles Vázquez indicou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

A maiores, a conselleira e o rexedor tamén abordaron na iniciativa que pretende acondicionar, manter e conservar, con destino a uso público, a Área recreativa da Presa, que se encontra en dominio público hidráulico do río Tambre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2024