O director de Augas de Galicia respondeu unha pregunta hoxe no Parlamento
A Xunta aposta pola información e a prevención para salvagardar bens, reducir danos e protexer as persoas ante o risco de inundacións
Roi Fernández lembra que o Plan de Xestión de Inundación de Galicia-Costa establece como obxectivo reducir e minimizar as consecuencias negativas destes episodios
Entre as principais liñas de traballo, destaca aquelas destinadas a aumentar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e informar á cidadanía sobre como actuar en caso de asolagamento, entre outras cuestións
Tamén informa de que están instalados 565 carteis de diferentes tipos en 44 das 46 Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación previstas
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
A Xunta, a través de Augas de Galicia, aposta pola información e a prevención para salvagardar bens, reducir danos e protexer as persoas ante o risco de inundacións.
Así o destacou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen compareceu esta tarde respondendo unha pregunta na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento para dar conta das políticas do organismo hidráulico nesta materia.
Tras lembrar que o Plan de Xestión do Risco de Inundación de Galicia Costa, aprobado en 2023, establece como obxectivo reducir e minimizar as consecuencias negativas das inundacións, indicou que o organismo hidráulico está a desenvolver un programa de concienciación e divulgación mediante sinalización nas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación, as Arpsi con maior risco e perigosidade.
Na mesma liña, explicou que a finalidade do Plan Estratéxico de Divulgación das Arpsi (Pedarpsi) é facer visible un risco que na maioría das veces permanece oculto ata que se produce un episodio extremo, e polo tanto informar á cidadanía explicando o comportamento das inundacións e trasladando pautas de prevención e autoprotección.
Deste xeito, incidiu en que o Pedarpsi busca aumentar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos, mellorar a percepción do risco, manter viva a memoria dos episodios sufridos e informar sobre como actuar durante un fenómeno destas características.
A actuación, cun investimento de 699.466,71 euros está instalando sinalización diversa e adaptada ás características de cada Arpsi, con paneis xerais de unha e dúas caras, paneis infantís e paneis reducidos. Concretamente, a instalación está en marcha en 44 das 46 áreas previstas, e en 44 concellos diferentes con 565 carteis instalados e máis de 300 permisos, comunicacións previas e notificacións tramitadas para a súa posta en funcionamento, antes da modificación da Lei de augas de Galicia que exime de licenzas, autorizacións e informes sectoriais as actuacións de sinalización vinculadas á protección fronte ao risco de inundación dentro das Arpsi de Galicia Costa, o que facilitou o ritmo de execución.
Carácter diferencial no contexto estatal
A maiores, o director de Augas de Galicia apuntou que esta iniciativa é diferente a outras que se están levando a cabo no resto do Estado. O organismo hidráulico vai máis alá da sinalización convencional de puntos perigosos que se aplica noutros lugares, estase desenvolvendo unha actuación planificada, continuada e de amplo alcance territorial ofrecendo información permanente á cidadanía.
Ademais, Roi Fernández aproveitou para reclamar ao Estado un maior compromiso investidor con Galicia, e lembrou que é necesario avanzar en actuacións estratéxicas, como poden ser o reforzo do abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra; as intervencións de saneamento e depuración de Ames, Verín, Neda e Monterroso; ou as novas estacións depuradoras de Outeiro de Rei e Portomarín.