A Xunta pon en valor o programa ‘Tecendo Soños’ da Veiga por ser un exemplo de apostar polo benestar e a sociabilidade das mulleres no rural
A Veiga (Ourense), 11 de agosto de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu esta tarde á inauguración do programa Tecendo Soños, impulsado pola Asociación Centro de Animación Rural de Mulleres da Veiga e o concello para promover encontros e actividades entre as mulleres de máis idade desta localidade. Durante a inauguración, a directora xeral puxo en valor este programa que permite crear un espazo de benestar e de sociabilidade das mulleres do rural e así loitar contra o illamento, ao tempo que se recuperan tradicións e se aposta pola sustentabilidade e a reciclaxe.
O Goberno galego colabora co concello da Veiga e a Asociación Centro de Animación Rural de Mulleres da Veiga na posta en marcha desta iniciativa que se leva a cabo desde o ano 2016. A directora xeral animou ás mulleres que compoñen esta iniciativa a seguir reuníndose, creando e dando vida ao seu entorno máis inmediato. A inauguración, que tivo lugar na praza do Concello, contou coa actuación da Escola Municipal de Música e continuou na praza do Toural co grupo Luar na Lubre.