A Xunta reforza a súa aposta pola internacionalización ampliando o orzamento do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios

A liña, que busca incentivar accións de promoción exterior, ven incrementado o orzamento en preto de 300.000 euros chegando case a 1,6M€

O programa impulsa actividades de difusión e participación en eventos expositivos no exterior, así como accións de prospección internacional coordinados por agrupacións empresariais

Esta aposta se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Dixital que suman, de xeito conxunto, case 8M€ máis este ano para colaborar co tecido empresarial galego na boa marcha das exportacións

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial galego ampliando o orzamento do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios.

O Diario Oficial de Galicia recolle este incremento no orzamento da liña, que procura incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento de empresas e organismos galegos nos mercados internacionais. Para acadar este obxectivo, o orzamento aumenta en preto de 300.000 euros, chegando case a 1,6 M€.

Unha aposta que se complementa cos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Dixital que suman, de xeito conxunto, case 8M€ máis para colaborar co tecido empresarial galego na boa marcha das súas exportacións.

Neste sentido, a través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes, a través de novas canles de comercialización.

Un marco no que tamén se activou este ano unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, liña adaptada ás novas demandas e necesidades das empresas, para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é fomentar a internacionalización dixital das pemes apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

Neste sentido, cómpre destacar que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado máis de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total que supera os 31M€. Cifras ás que se suman os preto de 10M€ e 186 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios. Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.

Incremento das exportacións

Todas estas accións englóbanse na aposta do Goberno galego pola Internacionalización do tecido empresarial. Un esforzo conxunto que permitiu a Galicia bater os seus rexistros de exportacións, rozando o ano pasado os 30.000 M€ en venda ao exterior.  Unha cifra que se está a consolidar no que levamos de año, sumando a Comunidade, durante os cinco primeiros meses, ventas ao exterior por valor de máis de 12.800 millóns, cifra que supón un incremento do 4,4% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/08/2024