O presidente do Goberno galego participa na presentación dos resultados da cuarta edición desta iniciativa levada a cabo pola Cruz Vermella co apoio da Xunta

Rueda pon en valor o programa ‘Contigo no Camiño’ co que se atenderon preto de 1.500 asistencias sanitarias e informativas este verán

Destaca o labor “fundamental” dos voluntarios que contribúen a que a ruta xacobea sexa “segura desde todos puntos de vista, tamén o sanitario”

As atencións, realizadas a persoas que elixen o Camiño Francés, foron realizadas polos equipos móbiles de voluntarios que se desprazan en bicicletas eléctricas e tamén nos postos fixos instalados ao longo da ruta 

No que vai de ano, recolléronse 342.478 Compostelas entre todos os itinerarios xacobeos, o que supón un 13% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia do programa Contigo no Camiño, co que a Cruz Vermella leva catro anos reforzando a seguridade e atención aos peregrinos do Camiño Francés, desde Sarria a Santiago, co apoio do Goberno galego. Este verán, os voluntarios da ONG atenderon preto de 1.500 asistencias.

Rueda agradeceu o labor que realizan ao longo do percorrido ao ofrecer unha asistencia “fundamental” que da tranquilidade aos viaxeiros. Nesta liña, asegurou que esta iniciativa contribúe a que os peregrinos perciban que “o Camiño é seguro desde todos os puntos de vista”. “Desde o persoal, pero tamén a nivel sanitario, que se teñen algún percance – por pequeno que sexa- serán perfectamente atendidos”, indicou o presidente.

Das preto de 1.500 asistencias que se levan atendidas no que vai de verán, tal e como se especificou durante o balance de resultados da iniciativa no Monte do Gozo, 480 foron levadas a cabo polos equipos móbiles con bicicletas eléctricas e 996 nos postos fixos de atención. A maioría son asistencias sanitarias leves (feridas nos pés ou dores musculares), pero tamén se realizou apoio doutra índole como información de carácter xeral das etapas, a súa dificultade, lugares nos que durmir, comer ou visitar.

Aumento de peregrinos

O Camiño Francés segue a ser a ruta xacobea máis concorrida, con 162.000 Compostelas recollidas no que vai de ano. En total, recolléronse 342.478 credenciais ata o momento, o que supón un 13% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado.

Rueda salientou que a previsión é rematar o ano “cun novo máximo” de visitantes no Camiño e destacou “a diversificación” dos peregrinos polas distintas rutas así como a desestacionalización á hora de peregrinar cara Compostela.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2024