Preto de 80 nenos e nenas participan nas actividades sociodeportivas que a Federación Galega de Fútbol promove en Narón a través do Plan Corresponsables

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá a iniciativa que se levará a cabo durante os meses de setembro, outubro e novembro no campo de fútbol de Río Seco e no pavillón das Lagoas

O Plan Corresponsables, dotado de 1,7 M€ de orzamento, promove a conciliación a través da habilitación de servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova

Narón (A Coruña), 3 de setembro de 2024

Preto de 80 nenos e nenas participan desde esta semana nas actividades de animación sociodeportiva que a Federación Galega de Fútbol (RFGF) promove no concello de Narón con cargo ao Plan Corresponsables no deporte. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello no acto de presentación, xunto ao delegado da RFGF, Abraham Yáñez, e o concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla. 

As actividades, que están dirixidas a mozas e mozos de ata 16 anos, desenvolveranse durante as tardes dos meses de setembro, outubro e novembro no campo de fútbol de Río Seco e no pavillón polideportivo das Lagoas. Teñen carácter gratuíto e estarán guiadas por persoal técnico da federación. Pódese solicitar máis información e formalizar as inscricións a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.es.

Aneiros destacou o compromiso do Goberno galego coa conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo a través do Plan Corresponsables “ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación, á vez que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegando distintas disciplinas e favorecendo a convivencia e o xogo”.

O Plan Corresponsables, que alcanza este ano a súa terceira edición, financia servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas para nenas e nenos de ata 16 anos. A Federación Galega de Fútbol, que percibiu unha achega de 69.720 euros, é unha das beneficiarias da presente convocatoria que contou cun orzamento conxunto de 1,7 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2024