O conselleiro de Sanidade destaca o 25ºaniversario do Diario de Ferrol como un síntoma de madureza da democracia e da sociedade galega
Gómez Caamaño salienta o traballo realizado polos profesionais do xornal para achegar a actualidade das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, durante o último cuarto de século
Ferrol, 4 setembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá no acto inaugural da exposición que conmemora o vixésimo quinto aniversario do Diario de Ferrol, un encontro no que destacou o traballo e o compromiso dos profesionais deste xornal, así como a súa gran contribución para consolidar a madurez democrática e da sociedade galega.
O responsable da carteira sanitaria da Xunta remarcou que o Diario de Ferrol é unha peza fundamental da comunidade e expresou o seu desexo que siga sendo así durante moitos anos máis.
Tamén puxo en valor o seguimento diario que realiza esta cabeceira para presentar á cidadanía a actualidade das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Gómez Caamaño resaltou a importancia de contar cun medio de comunicación centrado na cidade departamental e na súa contorna, e tamén a capacidade dos medios locais para manter o espírito de pertenza e orgullo do noso.
Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e o teniente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz; o responsable da Sanidade galega pechou a súa intervención desexando outros 25 anos de éxito para esta edición do grupo La Capital, augurando que as páxinas do Diario de Ferrol serán fiel testemuño de todo aquilo que aconteza na súa comarca.