A Xunta de Galicia forma a 139 profesionais en ciberseguridade a través de oito cursos de alta especialización do programa RETECH

Impulsados pola Amtega e a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego sumaron preto de 190 horas lectivas entre abril e xuño

O alumnado outorgou unha valoración media superior aos 9 puntos sobre 10, tanto aos docentes como aos contidos e destacou a cualificación do profesorado e a utilidade práctica da formación para a súa actividade profesional

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2026

Un total de 139 profesionais formáronse nos oito cursos de alta especialización en ciberseguridade impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. O obxectivo destas accións formativas, desenvolvidas entre abril e xuño no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), era reforzar as competencias do tecido empresarial galego nun ámbito estratéxico para a transformación dixital.

Os oito cursos, impartidos integramente en liña, sumaron un total de 187 horas lectivas e abordaron ámbitos de especialización como a ciberseguridade industrial, os sistemas OT, os vehículos conectados e eléctricos, a análise forense de redes ou a seguridade en dispositivos IoT. Esta formación posibilitou que a maioría do alumnado obtivese ou puidese optar a certificacións profesionais recoñecidas.

O alumnado destacou a calidade docente e de contidos, cunha valoración media de 9,33 sobre 10 á docencia e de 9,24 sobre 10 aos cursos, destacando o alto nivel técnico dos contidos, a cualificación do profesorado e a utilidade práctica da formación para a súa actividade profesional. Destaca tamén a alta taxa de finalización dos cursos, que se situou no 93,5 %.

Programa RETECH

Esta iniciativa enmárcase no Programa RETECH Ciberseguridade, impulsado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e apoiado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), para reforzar as capacidades tecnolóxicas e a especialización profesional en ciberseguridade. Os resultados do programa déronse a coñecer na comisión de seguimento celebrada esta semana, na que participaron o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.

Data de actualización: 26/07/2026