Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.00 h. de hoxe
Estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 300 hectáreas e do que se atoparon probas que apuntan á intencionalidade deste lume
Segue estabilizado o lume do municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afecta unhas 200 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Ademais, está controlado outro lume na localidade ourensá de Oímbra, parroquia homónima, cunha superficie afectada de 26,98 hectáreas
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.00 horas de hoxe venres.
Crecente-Filgueira
O lume do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, está estabilizado desde as 10.01 horas de hoxe. Cómpre destacar que durante os traballos de investigación in situ da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Xunta, atopáronse probas que apuntan á intencionalidade deste lume.
Segundo as últimas estimacións, o incendio, que se iniciou ás 22.32 horas do mércores, día 4, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas e conta cunha evolución positiva. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 36 axentes, 65 brigadas, 47 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións.
Entrimo-Venceáns
O lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, continúa estabilizado dende as 23.36 horas de onte. Este incendio iniciouse o martes en Portugal e entrou en territorio galego arredor das 17.00 horas do mércores, día 4. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas, dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos labores de extinción deste incendio lévanse mobilizado, polo de agora, 6 técnicos, 30 axentes, 56 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.
Oímbra-Oímbra
Ademais, está controlado o lume do concello ourensán de Oímbra, parroquia homónima, desde as 12.41 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 26,98 hectáreas, das cales 23,28 se corresponden con monte arborado e as 3,7 restantes de raso. Polo momento, mobilizáronse 7 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas e 2 pas. Este lume iniciouse onte xoves pola noite, preto das 22.00 horas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.