A Xunta apoia o comercio local de Sarria no marco da orde de axudas para o impulso e revitalización dos centros comerciais abertos

A Administración autonómica vén de resolver a axuda á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (ACES) para impulsar accións de dinamización e promoción do seu centro comercial aberto, ao abeiro da orde específica para este sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse estes días con representantes da entidade co obxectivo de recoller as súas achegas de cara á elaboración do futuro Plan Estratéxico de Comercio

Sarria (Lugo), 6 de setembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse con representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (ACES), entidade que conta co apoio da Xunta para impulsar a dinamización do seu centro comercial aberto no marco da orde de achegas específicas para ese sector que promove a Administración autonómica.

A través destes apoios, o Executivo galego financia actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela ou dixitalización co gallo de revitalizar o sector, impulsar de xeito decidido o papel os centros comerciais abertos e potenciar o comercio de proximidade. Neste senso, e grazas á aportación da Xunta, os comerciantes de Sarria teñen a oportunidade de financiar gastos derivados de campañas de dinamización, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial co obxectivo de estimular o interese dos consumidores e incentivar as vendas dos seus negocios asociados.

Este encontro enmárcase, ademais, no proceso participativo e de escoita activa aberto pola Xunta de Galicia para elaborar o Plan estratéxico do comercio, recollendo as achegas e tendo en conta a todos os axentes implicados.

O obxectivo, destacou Gabriel Alén, é acadar unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Isto é, un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.

O director xeral tamén lembrou que está aberta ata o 13 de setembro unha nova convocatoria para potenciar a transformación sostible do comercio e impulsar a pemes e autónomos do sector téxtil. A orde busca fomentar o comercio circular, potenciando o uso eficiente das embalaxes, promovendo o emprego de materiais reciclados e reutilizables ou diminuíndo os residuos xerados, ademais de favorecer a concienciación do propio sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2024