A Xunta de Galicia adxudica as obras de melloras dos departamentos de armadores do porto de San Cibrao, en Cervo, cun investimento de 365.000 euros
O conselleiro do Mar visitou a dársena na que está previsto que poidan iniciarse os traballos de acondicionamento dos 10 locais para profesionais ao longo do vindeiro mes de outubro
Cervo (Lugo), 10 de setembro de 2024
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia ven de adxudicar as obras de mellora e acondicionamento dos departamentos para armadores do porto de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo. Así o comunicou o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, que visitou esta mañá a zona dos traballos na que a Xunta de Galicia investirá 365.000 euros.
Villares, que estivo acompañado durante a súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, informou de que, unha vez adxudicado o concurso ao que se presentaron 8 ofertas, nos vindeiros días formalizarase o contrato coa adxudicataria final, de xeito que as obras poidan comezar ao longo do vindeiro mes de outubro.
O proxecto previsto consiste no acondicionamento dos tres edificios de locais de armadores do porto -10 locais en total-, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo dos usuarios, mellorar a integración e reducir as necesidades de mantemento do edificio. Para isto proxéctase a substitución das cubertas, baixantes e canalóns e a pintura de fachadas, entre outras melloras.
Reparación da nave de varada
Xunto co próximo inicio das obras dos departamentos, Alfonso Villares anunciou tamén que Portos de Galicia ten prevista a reparación da nave de varada de San Cibrao. Esta actuación suporá a renovación da estrutura metálica da nave así como da cuberta e está pendente da redacción de proxecto.