Galicia traslada á Comisión Europea as prioridades das rexións costeiras para a futura Política Pesqueira Común
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, encabezou en Bruxelas unha delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) nun encontro con responsables da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE)
Reclamou unha renovación da frota “neutra en capacidade” que non compute como esforzo pesqueiro as melloras de seguridade, habitabilidade ou eficiencia enerxética, e convidou aos responsables comunitarios a visitar os portos galegos
Bruxelas, 14 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Durante a xuntanza, a titular de Mar defendeu que “a PPC logrou avances importantes desde 2013, pero tamén debemos ser honestos sobre o que non funcionou: tras máis dunha década a frota envellece, ao sector cústalle atraer a unha nova xeración e moitas comunidades costeiras seguen nunha situación económica e social difícil”. Neste sentido, subliñou que “non pedimos volver atrás, pedimos avanzar mediante unha revisión centrada nas disposicións que nos están a frear”.
Villaverde puxo o acento no envellecemento dos buques —que no caso da frota costeira galega superan os trinta anos de media e se achegan aos corenta nalgunhas zonas— e lembrou que o conxunto da frota europea reduciuse nunha década ao pasar duns 87.000 buques en 2013 a arredor de 73.000 en 2023. “Nesas condicións, as nosas frotas xa fixeron a súa parte; agora pedimos renovar o que queda sen confundir a modernización cun aumento do esforzo pesqueiro”, reclamou, insistindo en que “un motor máis limpo, un equipo de seguridade moderno ou un camarote digno non capturan un pez máis”. Sen modernización non haberá relevo xeracional: os máis novos só virán se o sector lles ofrece boas condicións de traballo e perspectivas económicas. Neste contexto, advertiu tamén de que o próximo marco financeiro plurianual pode quedar curto para afrontar a renovación da frota, a transición enerxética e o relevo xeracional, e reclamou que as necesidades da pesca pesen de verdade na súa planificación.
No tocante á obriga de desembarque, a conselleira do Mar sinalou que “a propia avaliación da Comisión recoñece que non deu o resultado agardado, e en moitas pesqueiras os descartes veñen de regras excesivamente ríxidas e non de malas prácticas”, polo que avogou por pór o foco na selectividade e na ciencia antes que en sancións. Como exemplo dese desaxuste, expuxo o caso do palangre semipeláxico ('pedra-bola') de Burela, afectado polos peches de augas profundas. Villaverde referiuse ao estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) —elaborado sobre máis de 6,3 millóns de anzois e no que a pescada representou máis do 90% das capturas cun impacto marxinal sobre especies vulnerables (un fragmento por cada 600.000 anzois)— para pedir que se revise a clasificación técnica desta arte.
Marta Villaverde convidou formalmente aos representantes da DG MARE a visitar Galicia para “amosarlles de primeira man a realidade das nosas comunidades pesqueiras”, e abriu a porta á súa participación directa nas vindeiras xuntanzas do grupo de traballo de pesca da CRPM para manter este diálogo institucional de maneira continua. Lembrou ademais que as rexións pesqueiras deben participar no deseño dos novos plans nacionais e rexionais de asociación, para que as necesidades específicas das comunidades costeiras queden recollidas.