A Xunta pon en valor os proxectos estratéxicos cun impacto que trascende o ámbito municipal e que permiten dotar a veciñanza de mellores servizos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visita o polígono do Ceao de Lugo, que contará cun novo aparcadoiro para mellorar a mobilidade e favorecer así a actividade empresarial e o acceso ás instalacións deportivas próximas

Trátase dunha das iniciativas beneficiarias da convocatoria deste ano resolta a finais do pasado agosto para levar a cabo actuacións relacionadas con infraestruturas municipais de carácter estratéxico

Lugo, 14 de outubro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto co delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, o polígono industrial do Ceao de Lugo, onde está previsto un novo aparcadoiro que permitirá ordenar os espazos destinados ao estacionamento e facilitar os desprazamentos nunha zona na que conflúen a actividade industrial, servizos e equipamentos deportivos. Trátase dunha das iniciativas beneficiarias da convocatoria deste ano dirixida aos concellos para levar a cabo actuacións relacionadas con infraestruturas municipais de carácter estratéxico en base á resolución comunicada a finais de agosto.

A actuación contribuirá a ordenar a mobilidade do polígono, reducir o tráfico e favorecer a competitividade das empresas nun dos principais motores industriais da provincia de Lugo. Ao mesmo tempo, facilitará o acceso a infraestruturas deportivas próximas, como o campo de fútbol e o campo de béisbol, o único da provincia, favorecendo o uso destas instalacións e a celebración de eventos deportivos.

Unha das características dos proxectos estratéxicos é que, aínda que se localicen nun concello concreto, a súa repercusión pode estenderse ao ámbito supramunicipal ou comarcal e, ademais, contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como, neste caso, a mobilidade, a actividade económica ou os servizos. Tamén teñen esta consideración as infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial. Outra categoría de proxectos estratéxicos ten que ver con actuacións destinadas á conexión, á reorganización, ao agrupamento ou á centralización de edificios dirixidas á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026