A Xunta salienta a Feira de oportunidades de Sanxenxo como exemplo do papel dinamizador dos centros comerciais abertos no impulso do comercio local
Sanxenxo (Pontevedra), 13 de setembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración da Feira de oportunidades da localidade pontevedresa, organizada polo Centro Comercial Urbano Entretendas e apoiada pola Xunta no marco convocatoria para a innovación e a dinamización dos centros comerciais abertos, á que este ano se destinan un total de 2,25 millóns de euros.
Durante o evento -que se celebra desde hoxe e ata o domingo 15 de setembro na Praza dos Barcos- unha vintena de establecementos comerciais sacarán os seus artigos á rúa e ofrecerán descontos especiais buscando atraer á clientela local e a todas as persoas interesadas que se acheguen á zona. A feira contará con animación e actividades para os máis pequenos, ademais de con sorteos de material escolar co gallo da volta ás aulas.