Controlado o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás
O lume iniciouse ás 18.47 horas de onte venres e segundo as últimas estimacións afecta 62 hectáreas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, quedou controlado ás 18.13 horas de hoxe.
O lume orixinouse ás 18.47 horas de onte venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 62 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 17 axentes, 38 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 7 helicópteros e 8 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.