Alfonso Villares e Belén do Campo asisten á inauguración do evento Marexía: A Mar dá Enerxía
A Xunta apoia a celebración da iniciativa Marexía no que se exalta o crecemento azul sostible e os produtos do mar locais
O titular de Mar destaca que esta iniciativa afonda nos principios da Estratexia Galega da Economía Azul ao considerar a sustentabilidade procedente do mar como fonte xeradora de riqueza a través da preservación dos ecosistemas mariños
No programa se recollen diferentes actividades ata o vindeiro domingo como obradoiros infantís, clases de surf, showcooking, mesas redondas entorno a economía azul, a pesca sostible ou a dieta atlántica e a degustación de produtos da zona
O evento, organizado pola Federación de Asociacións Empresariais de As Mariñas (FAE), está financiado con fondos europeos polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) do Golfo Ártabro Sur
Arteixo (A Coruña), 20 de setembro de 2024
O primeira edición do evento Marexía: A Mar dá Enerxía comezou a andar este venres co acto de inauguración na pista cuberta de Campo da Festa, no concello coruñés de Arteixo. Esta acción esta organizada pola Federación de Asociacións Empresariais de As Mariñas (FAE) co apoio da Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) do Golfo Ártabro Sur e conta cun amplo programa de actividades que se prolongarán ata o vindeiro domingo entre as que destacan obradoiros infantís, clases de surf, showcooking, mesas redondas entorno a economía azul, a pesca sostible ou a dieta atlántica e a degustación de produtos típicos da zona.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da delegada da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, asistiu ao acto de inauguración onde destacou que esta proxecto afonda nos principios recollidos na Estratexia Galega da Economía Azul ao considerar a sustentabilidade procedente do mar como fonte xeradora de riqueza a través da preservación dos ecosistemas mariños. Nesta liña, subliñou que se trata dun ámbito moi transversal onde están implicadas tanto actividades estreitamente vencelladas ao mar como a pesca ou o marisqueo, como outras emerxentes relacionadas coas enerxías renovables e a biotecnoloxía azul.
O responsable autonómico puxo en valor a promoción deste tipo de iniciativas que, á vez que promoven a sensibilización do coidado dos océanos e a divulgación da cultura azul, exaltan os produtos de proximidade contribuíndo a dinamizar a actividade económica e comercial da contorna, e moi especialmente aquela vencellada ao mar. Por outra banda, sinalou como outros dos puntos destacables o fomento de hábitos saudables mediante a práctica de deporte e unha dieta equilibrada como a atlántica, na que os alimentos mariños teñen un papel protagonista polas súas ricas propiedades nutricionais e o seu sabor único.
MARIDAR
O evento xurde como evolución da acción MARIDAR ‘Sabor das Mariñas’, levada a cabo entre os anos 2019 e 2020 tamén pola FAE, que estaba enfocada aos produtores da comarca, tanto do mar como de terra, co obxectivo de dar a coñecer os seus produtos. Co apoio da Consellería do Mar, nas diferentes edicións foron incorporándose servizos ofrecidos dende esta zona e que tiñan como fundamento e orixe o mar tales como os de tipo náutico e de deporte.