A Consellería do Mar acorda co sector a apertura da campaña do libre marisqueo na ría de Arousa o vindeiro 1 de outubro

Destaca a mellora do stock de ameixa babosa no banco de Bohído respecto ao 2023 e prevese unha primeira avaliación do mantemento da actividade extractiva aos 15 días do seu comezo, segundo as capturas rexistradas

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes das confrarías da ría de Arousa para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, nos bancos de libre marisqueo. O obxectivo era valorar xunto co sector a situación que presentan na actualidade así como decidir cal data era a máis axeitada para retomar a actividade extractiva. Así, analizados os datos recadados decidiuse retomar a actividade extractiva nos bancos de Os Lombos do Ulla, Bohído e Cabío a partir do 1 de outubro co compromiso de avaliar a situación aos 15 días do seu comezo, segundo as capturas rexistradas.

Na xuntanza, enmarcada no modelo de cogobernanza coa que a Xunta aborda a xestión pesqueira en Galicia, ademais de representantes de confrarías da Ría tamén participaron as direccións territoriais de Pontevedra e Coruña da Consellería do Mar, membros de Gardacostas, o técnico do CIMA responsable dos traballos de mostraxe así como o presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas. Durante a reunión púxose en valor a mellora do stock de ameixa babosa de talla comercial en Bohído respecto as mesmas datas do 2023 e aínda que Os Lombos non presenta uns resultados óptimos, tomouse a iniciativa de incluír a súa apertura para velar polo equilibrio económico e social desta actividade pesqueira.

Os topes establecidos por tripulante e día nas distintas especies son, no caso de Bohído de 2 quilos de berberecho, 3 quilos de ameixa babosa así como de carneiro, 1 quilo de ameixa rubia ao igual que de ameixa bicuda e 0,5 quilos de ameixa fina. En Cabío son cifras idénticas salvo no caso da ameixa babosa que é de 2 quilos, na ameixa rubia que alcanza os 4 quilos,  5 quilos de carneiro e inclúe a extracción de reloxo ata un tope de 25 quilos diarios. Por último nos Lombos poderase extraer 3 kg de berberecho, 4 quilos de ameixa xaponesa e 0,5 quilos de ameixa fina diarios. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/09/2024