A Xunta e as confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra evalúan a evolución da campaña marisqueira na lonxa de Campelo

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse cos tres pósitos no marco do contacto permanente da Consellería do Mar co sector

No que vai de ano a rula pontevedresa rexistrou a venda de máis de 83 toneladas de produto cunha facturación que supera os 1,4 M€

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha xuntanza coas representantes das confrarías de pescadores de Pontevedra, Lourizán e Raxó. O encontro, enmarcado na liña de diálogo continuo da Consellería do Mar co sector, serviu para avaliar a evolución da actual campaña extractiva nesta zona do litoral galego.

Nese sentido, constatouse que, neste contexto complexo, as vendas na lonxa de Campelo acadaron as 83 toneladas —na súa práctica totalidade moluscos bivalvos—, o que supuxo unha facturación acumulada que supera os 1,4 millóns de euros. Durante a xuntanza tamén se abordaron, polo miúdo, as necesidades actuais das persoas mariscadoras a pé que traballan nesta área, analizando os retos e necesidades das profesionais.

A Xunta e os colectivos avaliaron distintas liñas de colaboración para seguir avanzando na mellora da competitividade e na sustentabilidade do marisqueo na zona. Ángeles V. Suárez reafirmou a vontade da administración autonómica de acompañar aos pósitos na procura de solucións conxuntas que garantan a viabilidade económica das explotacións e a estabilidade do emprego.

Proxectos de rexeneración e modernización

Nesta liña de cooperación, repasouse tamén o impacto dos proxectos aprobados nas anualidades 2025 e 2026 ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que suman máis de 530.000 euros de axudas públicas para estas entidades. Entre estas iniciativas destaca o proxecto Sementeart da lonxa de Campelo -preto de 55.000 euros para 2026-2027- para mecanizar a sementeira desde embarcación, así como os programas de rexeneración en máis de 2 millóns de m2 de zona produtiva e a sementeira de case 6 millóns de unidades de ameixa nos bancos marisqueiros das tres confrarías, xunto con accións de modernización, fotovoltaica e reforzo da vixilancia contra o furtivismo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/07/2026