A Xunta adxudica por 1,1 M€ as obras de abastecemento aos núcleos de Nantón e Anós, en Cabana de Bergantiños

O obxectivo é dotar deste servizo a preto de 2.000 persoas pertencentes a ambas parroquias e á zona de implantación do futuro parque industrial da Costa da Morte

Os traballos, cunha duración dun ano, inclúen unha nova captación no río Anllóns, unha potabilizadora e traballos para garantir a finalización das obras xa executadas

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2024

A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de adxudicar por un importe de 1,1 millóns de euros, IVE incluído, as obras destinadas a dotar do servizo de abastecemento de auga potable aos núcleos de Nantón e Anós, no concello de Cabana de Bergantiños.

Con este obxectivo, o contrato inclúe unha nova captación no río Anllóns, a execución dunha estación de tratamento de auga potable (ETAP) e a realización dunha serie de traballos de remate e proba das obras xa executadas, actuacións que permitirán blindar o subministro a estas dúas parroquias e tamén ao futuro parque industrial da Costa da Morte. Deste xeito, darase servizo a unha poboación total de preto de 2.000 persoas.

Cun prazo de execución dun ano, os primeiros traballos centraranse na limpeza e comprobación das tubaxes de impulsión e de distribución xa existentes, na reparación dos elementos que poidan estar danados e na impermeabilización dos muros do depósito actual e a execución da cuberta.

Logo procederase a acometer a captación no Anllóns mediante toma directa a un pozo de bombeo situado a 10 metros da canle do río, coa instalación de dúas bombas verticais mergulladas para impulsar un caudal de 100 m³/h.

En canto á nova ETAP, o edificio estará localizado na mesma parcela que o depósito de distribución xa existente e contará cunha sala de control e unha sala de reactivos. O edificio albergará no seu interior un conxunto de equipos que permitirán realizar un adecuado tratamento da auga previamente ao seu consumo.

Cómpre lembrar que, na actualidade, o abastecemento en Nantón e Anós resólvese de forma individualizada, con pozos particulares ou captacións en mananciais que non garanten auga en cantidade suficiente nin coa debida calidade.

Neste sentido, os traballos adxudicados enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Cabana de Bergantiños para o abastecemento a estes núcleos, mediante o cal a Xunta achegará o 90% do investimento e encargarase das obras; e o Concello contribuirá co outro 10% e os terreos necesarios.

Data de actualización: 28/09/2024