A Xunta impulsa en Madrid a divulgación dos oficios da artesanía téxtil
A Fundación Artesanía de Galicia patrocina catro obradoiros impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia, que se celebrarán ata final de ano en colaboración coa marca de roupa artesanal Carmen 17
Hoxe teñen lugar as primeiras actividades, impartidas pola artesá Io Morales, do taller Io Obradoiro téxtil, e que consistirán nun obradoiro de Remendo Creativo en horario de mañá e nun dedicado á técnica do Sashiko, pola tarde
Nos vindeiros meses, celebraranse tamén cursos de bordado impartidos por Minia Banet, de Variopinto; de estampaxe manual sobre téxtil, dos que se encargará Xiana Cobo; e de pasamanería, impartidos por Zeltia ao aire
Madrid, 28 de setembro de 2024
A Fundación Artesanía de Galicia patrocina un ciclo de obradoiros de divulgación de oficios téxtiles que se vai celebrar en Madrid desde hoxe e ata o mes de decembro, en colaboración coa marca de roupa artesanal Carmen 17, que estarán impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia. A través deste tipo de actividades, preténdese dar a coñecer técnicas e oficios relacionados coa artesanía téxtil, achegar á sociedade os valores do produto feito á man e visibilizar a marca Artesanía de Galicia.
A primeira destas xornadas de divulgación celébrase hoxe e consiste en dous obradoiros dirixidos por Io Morales, de Io Obradoiro Téxtil (Santiago de Compostela), nos que se amosará a reparar prendas de roupa a través do bordado. No turno de mañá, de 10,00 a 14,00h, centrarase nun taller de Remendo Creativo, e no da tarde, de 16,00 a 20,00h, amosará a técnica do Sashiko para fortalecer o tecido cun bordado xeométrico.
O sábado 26 de outubro, Minia Banet de Studio Variopinto (Santiago de Compostela) impartirá un taller de Bordado tridimensional, en horario de mañá, e outro de Bordado en relevo con la. No mes de novembro, Xiana Cobo encargarase de amosar a estampaxe manual. Pola mañá impartirá un taller de Creación de selos e pola tarde un de Furoshiki, un tecido cuadrangular que se usa en Xapón para envolver e transportar todo tipo de pertenzas.
A última das xornadas de divulgación de Artesanía de Galicia en Carmen 17 terá lugar o sábado 14 de decembro e estará centrado na técnica tradicional do bordado ao aire, impartido por Zeltia ao Aire (A Coruña). No horario de mañá, amosarase a aplicación da técnica do bordado ao aire para a xoiería e, pola tarde, o bordado ao aire na pasamanería tradicional.
Carmen 17
Carmen17 é un taller que compaxina o deseño de vestiario para artes escénicas coa súa marca de roupa artesanal, fundado en Madrid por Sofía Nieto, licenciada en Escenografía na RESAD, e Arancha Rodrigálvarez, licenciada en Matemáticas e Moda en Central Saint Martins. É tamén un proxecto cultural arredor do téxtil no que se reivindica o papel das mulleres costureiras, do grande patrimonio cultural que supoñen as labores e o valor simbólico que posúe este oficio que é unha linguaxe e que xera arte.
Unha das súas liñas de deseño baséase na investigación etnográfica. Baixo o paraugas Jacaranda desenvolven as mans, a memoria e as identidades culturais diversas. Foron finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2022 e 2023.