Lete Lasa destaca os 35 anos do Vigo Rugby club, “o mellor equipo de rugby masculino de Galicia e o único que conseguiu acceder á elite”

Lembra ás grandes figuras do Vigo Rugby como o adestrador neozelandés Norm Maxwell, o presidente Ramón Babé ou o primeiro adestrador, Manolo Lago, homenaxeado no día de hoxe

Vigo, 27 de setembro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no ‘35 aniversario do Vigo Rugby Club’ onde destacou ao conxunto vigués como “o mellor equipo de rugby masculino de Galicia e o único que conseguiu acceder á elite”. Neste sentido destacou tanto ao CRAT feminino como ao Vigo Rugby masculino como os dous referentes do rugby galego, o CRAT coas súas dúas ligas da máxima categoría nacional, e o Vigo Rugby cos seus 18 tempadas xogando en división nacional.

O mandatario galego subliñou a importancia dalgunhas persoas na historia do Vigo Rugby como Norm Maxwell, o xogador internacional neozelandés que, como adestrador, acadou o ascenso á División de Honor en 2011, sendo presidente Ramón Babé, “unha intimamente ligada ao club dende calquera das súas facetas”. Ademais, tamén destacou aos tres estudantes universitarios -Eduardo Portela, Ramón Amoedo e Álvaro Saa- que en 1988 puxéronse en contacto con Manolo Lago, homenaxeado no día de hoxe, polo seu currículo no rugby arxentino para que os adestrara no que supuxo os cimentos do club.

Lete Lasa destacou a boa marcha de todos os equipos do Vigo Rugby, tanto dos absolutos masculino e feminino como de toda a canteira, dende os sub 6 ata os sub 18, e desexoulles “outros 35 anos máis de éxitos”.

Data de actualización: 27/09/2024