Estabilizado un incendio forestal no concello lucense de Carballedo, parroquia de Aguada

O lume iniciouse ás 19.57 horas de onte domingo e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal rexistrado no concello lucense de Carballedo, parroquia de Aguada, que se iniciou onte domingo ás 19.57 horas e que se deu por estabilizado ás 6.48 horas de hoxe luns.

Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, distribuídas entre o propio municipio de Carballedo e o limítrofe de San Cristovo de Cea, xa na provincia de Ourense. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 12 axentes, 24 brigadas, 16 motobombas e 2 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 30/09/2024