Joaquín Dosil, especialista en psicoloxía do deporte, inaugura hoxe o ciclo ‘Luz ó deporte’ na sede da Xunta en Lugo
Lugo, 30 de setembro de 2024
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a primeira cita dun novo ciclo de Luz ó deporte, as conferencias dirixidas a estudantes de Secundaria que organiza a Fundación Breogán co apoio do Goberno galego.
O encargado de inaugurar o programa deste ano foi Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo, doutor en Psicoloxía do deporte, presidente da Sociedade Iberoamericana do Deporte e coordinador do Servizo de Psicoloxía do Deporte no CB Breogán e no Celta de Vigo. Ao longo da súa traxectoria traballou con deportistas olímpicos e publicou máis de 20 libros sobre o seu campo de especialización.
Á charla asistiron arredor de 300 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e dos colexios Padres Franciscanos e A Inmaculada. Dosil expuxo como a psicoloxía pode potenciar o rendemento deportivo e persoal, proporcionando aos mozos e mozas ferramentas valiosas para axudarlles a alcanzar os seus obxectivos.