A Xunta licita por 81.229€ as obras da conexión do paseo fluvial co centro urbano na Serra de Outes

Os traballos enmárcanse no Plan Hurbe da Xunta e teñen como obxectivo reformar o ámbito entre a avenida San Campio e o paseo fluvial do río Tines na Serra de Outes, no concello de Outes

Estas obras permitirán conectar a rúa co paseo fluvial de maneira aberta, así como coa plataforma do semisoto da Casa da Cultura

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 31 de outubro

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024

A Xunta vén de licitar as obras da conexión do paseo fluvial co centro urbano na Serra de Outes, no concello de Outes, que se enmarcan no Plan Hurbe que promove a Administración autonómica.

Os traballos saen a licitación por 81.299€ e comprenden a reforma do ámbito entre a avenida San Campio e o paseo fluvial do río Tines na Serra de Outes, cunha actuación sobre os pavimentos, escaleiras e as instalacións existentes. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 31 de outubro.

As obras permitirán conectar a rúa co paseo fluvial de maneira aberta, así como coa plataforma do semisoto da Casa da Cultura. Crearase ademais unha zona de esparexemento para desfrutar das vistas do río e mellorarase a zona de entronque do paseo fluvial e a ponte que cruza o río, con iluminación e elementos de xardinería.

A Xunta e o Concello asinaron un convenio ao abeiro do Plan Hurbe para abordar esta actuación, cun investimento total de case 94.000€, dos que a Xunta asume o 70% do orzamento, e contrata e executa as obras. O Concello achega o 30% restante do custe das obras, redactou o proxecto e asumirá o mantemento das actuacións.

O Plan Hurbe da Xunta ten como obxectivo contribuír a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Data de actualización: 04/10/2024