Galicia acolle a vindeira semana un encontro internacional sobre tecnoloxías cuánticas e as súas aplicacións na sociedade
O congreso está organizado por Fujitsu en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Xunta de Galicia
Reunirá en Santiago a investigadores, industria e representantes de entidades públicas e privadas para debater sobre os últimos avances nesta materia
Contará coa participación de persoas relevantes do King’s College de Londres, Moody’s, Repsol o Fujitsu Quantum Lab e o Silicon Valley Forum
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2024
A capital galega acollerá os vindeiros mércores 9 e xoves 10 de outubro o International Quantum Business Conference, un evento internacional que reunirá a persoal investigador, representantes da industria e doutras entidades públicas e privadas para debater ao redor das tecnoloxías cuánticas. Este evento, organizado por Fujitsu e coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Xunta de Galicia, abordará os últimos avances das tecnoloxías cuánticas.
Así mesmo, tamén se debaterá sobre a aplicación destas tecnoloxías na industria en diferentes campos como o descubrimento de fármacos, a loxística, a enerxía ou as finanzas, entre outros. Dirixido tanto a perfís técnicos como executivos, a conferencia contará coa participación de actores relevantes que traballan no ecosistema cuántico internacional como o King’s College de Londres, Moody’s, Repsol, o Fujitsu Quantum Lab e o Silicon Valley Forum, entre outros. A inscrición é gratuíta a través da seguinte ligazón.
Os asistentes poderán somerxerse no mundo das tecnoloxías cuánticas e máis concretamente en conferencias sobre o esforzo de softwares para realizar computación cuántica práctica ou mesas redondas sobre iniciativas públicas para impulsar o ecosistema cuántico en España e Europa. Entre outras citas, tamén se afondará nas oportunidades de financiación de I+D+i para tecnoloxías cuánticas e sobre a fenda cuántica entre a forza laboral e o emprendemento, así como entre a investigación cuántica e os negocios.
Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
Esta actuación enmárcase nos compromisos de Fujitsu coa Xunta de Galicia dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que ten como obxectivo converter a nosa Comunidade nun referente a nivel europeo nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.
O Polo, que Galicia leva impulsando desde 2022, apoiase en catro piares. Un deles é a Universidade, que atrae talento e forma aos profesionais do futuro. Tamén é fundamental o traballo dos centros de I+D+i que xeran novo coñecemento. Os outros dous piares do Polo de Tecnoloxías Cuánticas son as empresas, coas que se traballa para impulsar a innovación e a utilización destas tecnoloxías, e a sociedade, para darlle a coñecer a utilidade desta tecnoloxía na vida diaria.