Galicia participa por primeira vez no programa do CERN para divulgar a ciencia en festivais musicais de Europa
Román Rodríguez destaca o impacto destas iniciativas para achegar a I+G+i a todos os públicos e mellorar a cultura científica xeral, un dos retos da futura Lei de ciencia
O CERN Festival Programme elixiu o Festival Revenidas de Vilaxoán para instalar o espazo ‘Ondas e Partículas’, con charlas de científicos, unha iniciativa promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
Participarán prestixiosos investigadores e divulgadores como Eduardo Sáenz de Cabezón, Verónica Bolón, Marta Reina, José Edelstein, Adrián García ou Paula Desiré
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026
Galicia participa por primeira vez no programa do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) para divulgar a ciencia en festivais musicais de toda Europa. A iniciativa terá lugar no marco do Festival Revenidas, do 10 ao 13 de setembro, en Vilaxoán, no que se instalará o espazo Ondas e Partículas cun programa de conferencias de destacados científicos. O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, destacou o impacto destas iniciativas para achegar a I+G+i a todos os públicos e mellorar a cultura científica xeral, un dos retos da futura Lei de ciencia e innovación.
O CERN Festival Programme é o programa de divulgación do laboratorio de física de partículas máis grande do mundo, ubicado na fronteira entre Suiza e Francia. Galicia é un dos lugares elixidos para esta edición do proxecto, a décima, a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia que forma parte da Rede CIGUS de centros de excelencia, en colaboración co Festival Revenidas, a CERN & Society Foundation e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
O conselleiro de Ciencia destacou na presentación desta iniciativa que se trata dunha iniciativa óptima para levar a ciencia a novos espazos e públicos e para concienciar da potencia da nosa I+G+i. “Trátase de achegar o coñecemento científico de maneira accesible e participativa e este tipo de actividades contribúen, a maiores de reforzar a divulgación, a atraer talento científico á nosa Comunidade”, indicou Román Rodríguez.
Charlas de prestixiosos científicos
No espazo científico que se ubicará no Festival Revenidas no mes de setembro participarán nomes de referencia na divulgación e na investigación en Galicia e en España, como Eduardo Sáenz de Cabezón, matemático e presentador do programa Órbita Laika de TVE; Verónica Bolón, investigadora da Universidade da Coruña e premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor; os investigadores do IGFAE Juan Calderón Bustillo, Marta Reina Campos e o propio José Edelstein; así como persoas con amplo seguimento nas redes sociais, como Adrián García (El Físico Barbudo), que falará sobre a física que hai detrás dos pogos nos concertos; ou a investigadora do CERN Paula Desiré, que abordará as claves físicas detrás da protonterapia.
Neste 2026 o CERN Festival Programme cumpre 10 anos e, ademais de Galicia, terá escenarios no Reino Unido, República Checa, Dinamarca, Alemaña e Texas (Estados Unidos).
Futuro acelerador de partículas
O IGFAE conta cunha longa experiencia e traxectoria de cooperación co CERN. Nestes momentos, Galicia traballa para conseguir montar na nosa Comunidade un prototipo para o futuro acelerador de partículas do CERN, un dos proxectos científicos e tecnolóxicos máis ambiciosos dos próximos anos no ámbito internacional. Máis de 130 empresas e axentes de I+D+i demostraron o seu interese para participar neste proceso, que involucrará a distintos países.
O futuro colisionador será unha infraestrutura científica de máis de 90 km de circunferencia baixo a fronteira entre Francia e Suíza, clave para impulsar avances en ámbitos con aplicación directa na sociedade como materiais supercondutores, aceleradores e detectores para uso médico, enerxía ou sistemas de transmisión eléctrica.
Futura Lei de ciencia e innovación
A divulgación científica e o achegamento á ciencia son medidas que se terán en conta na nova Lei de ciencia e innovación que prepara a Xunta e que acompañará o gran momento que vive este sector na Comunidade. Esta normativa suporá un salto cualitativo e cuantitativo, xa que será a base para o avance que vive a I+G+i.