Villares confirma o apoio da Consellería á Fundación Expomar e non descarta novas vías de colaboración

Viveiro (Lugo), 4 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, confirma á Fundación Expomar a vontade da Consellería que dirixe para seguir colaborando e establecer novas vías de colaboración no futuro. Así o abordaron na reunión de traballo que mantiveron os representantes de dita entidade e o mandatario autonómico en Viveiro. Deste xeito, no transcurso do encontro no que Villares estivo acompañado da directora territorial de Mar, Mariña Gueimunde, agradeceu ao xerente e secretario desta Fundación, José Manuel González e Ramiro Fernández, respectivamente, o traballo que desenvolven para a promoción e desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro e para o que seguirán contando co apoio decidido do Goberno galego. Esta cooperación reflíctese en iniciativas como Produart ou as xornadas técnicas de Expomar, de nutrición e do Orgullo Mariñeiro desenvolvidas en Burela.

A Fundación Expomar, creada en 1998, xorde da necesidade de ofrecer un marco institucional, seguro e rigoroso para o estímulo do mar, dende o punto de vista da innovación e da comercialización dos produtos pesqueiros, así como para impulsar novas infraestruturas e servizos relacionados co eido náutico-deportivo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 04/10/2024