A Xunta impulsa un protocolo para a xestión dos bens intervidos en operativos antidroga que reforce a coordinación entre as entidades implicadas

Os directores xerais de Xustiza e de Emerxencias e Interior reuníronse esta semana con representantes dos distintos colectivos que participan deste labor conxunto

O Goberno galego colabora desde 2015 coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Colexio de Procuradores para axilizar a actividade das unidades xudiciais encargadas destes asuntos, reducir os custos do depósito e xestión dos activos comisados e fomentar o uso social dos bens incautados

A Estrada (Pontevedra), 13 de outubro de 2024

A Xunta impulsa a elaboración dun protocolo para a xestión dos bens mobles intervidos en operativos antidroga de Galicia que favoreza a harmonización dunha dinámica de traballo común na comunidade. Así se acordou nunha xuntanza mantida esta semana na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, con representantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico e do Colexio de Procuradores da Coruña, así como con profesionais dos corpos e forzas de seguridade e do eido xudicial.

No encontro abordouse a necesidade de reforzar a coordinación e a axilidade para xestionar o destino dos bens, desde a súa incautación ata o momento de darlle o destino legal correspondente. Nesta liña, afondouse na importancia dunha boa organización para o traslado e depósito dos bens, ademais de potenciar o coñecemento dos diferentes servizos que están á disposición das forzas e corpos de seguridade do Estado.

A maiores, José Tronchoni explicou as novidades tecnolóxicas nas que está a traballar a Xunta. Entre elas destacou a aplicación Arquivo, destinada á xestión dos arquivos físicos, xudiciais, almacéns de pezas de convicción, depósitos xudiciais e expurgo de documentación.

Cómpre sinalar que a Xunta colabora desde 2015 coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Colexio de Procuradores tanto no funcionamento do Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico como no desenvolvemento de actividades formativas e divulgativas. O obxectivo da xuntanza mantida esta semana é seguir avanzando nesta colaboración.

Deste xeito, trabállase para axilizar a actividade das unidades xudiciais que se encargan destes asuntos no que se refire ás execucións e así maximizar o rendemento económico ao reducirse os custos de depósito e xestión dos activos comisados. Ao mesmo tempo, foméntase o retorno social dos bens incautados a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais. A colaboración tamén inclúe a divulgación das vantaxes deste servizo nos órganos xudiciais.

O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial. A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.

Data de actualización: 13/10/2024