A Xunta destaca a importancia de aplicar as novas tecnoloxías aos coidados dos maiores para mellorar a súa autonomía
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria asistiu á presentación do proxecto Atendis VR desenvolvido por investigadores do CITIC
Este proxecto de realidade virtual está orientado a manter a actividade dos maiores a través de xogos que melloren as súas capacidades físicas e cognitivas
A Coruña, 13 de outubro de 2024
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta semana na presentación do proxecto Atendis VR que crearon varios investigadores do Centro de Investigacións TIC da Universidade da Coruña (CITIC). Trátase dunha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia.
Atendis VR é un proxecto de realidade virtual que ten como obxectivo fortalecer as capacidades físicas e cognitivas dos maiores. Neste senso, a través das gafas os usuarios visualizan diferentes xogos nos que deben realizar determinadas accións e movementos. O nivel de dificultade pode adaptarse á situación de cada persoa.
O director xeral destacou a importancia desta iniciativa que permite mellorar a autonomía dos usuarios. Así, Antón Acevedo fixo fincapé na necesidade de seguir impulsando proxectos que leven as novas tecnoloxías ao entorno das persoas maiores para ofrecer uns coidados de calidade e fomentar o desenvolvemento das súas facultades motoras e cognitivas.