No II Foro Riazor Global Maritime Sustainability, organizado pola Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña

Villares adianta que Galicia seguirá demandando na Comisión Europea recursos financieiros para unha descarbonización da frota asumible e realista

Para o titular de Mar a demanda plantexada, está a ser desenvolvida no seo da plataforma europea para a descarbonización da pesca, no que Galicia se integrou hai un ano

Defende que este cambio de modelo debe ser gradual, realista e asumible para o sector, respectando o medio ambiente e garantindo a súa competitividade; o que garantirá un sistema alimentario europeo sostible

Para elo, e dado que a economía azul é unha prioridade para Galicia, o Executivo xa desenvolveu a súa propia Axenda Sostible; unha folla de ruta que propiciará un salto económico dirixido tamén a alcanzar a neutralidade climática

A Coruña, 16 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, expuxo este mércores, unha vez máis, que Galicia seguirá demandando na Comisión Europea recursos financieiros para unha descarbonización da frota asumible e realista. Así o trasladou na apertura do II Foro Riazor Globan Maritime Sustainability, organizado pola Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña, e que, durante dous días, reúne na cidade herculina a distintas organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo para analizar as tendencias do sector e explorar novas vías para a transición enerxética do transporte marítimo, da pesca e da acuicultura.

Para Villares, a demanda plantexada está a ser desenvolvida no seo da plataforma europea para a descarbonización da pesca, no que Galicia se integrou hai un ano. Ademais, segundo sinalou, somos a comunidade líder en Europa en pesca e cultivos mariños, polo que tamén será a zona de toda a Unión que maiores recursos económicos precise para realizar este tránsito.

E é que os sectores tradicionais da economía azul galega xeran en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e uns 4,5 millóns de empregos; de aí que esta transición teña que ir da man de decisións económicas que permitan dar solucións a tres condicionantes: a definición dunha tecnoloxía axeitada, a formación para tripulacións e a substitución gradual dos motores de combustión coa conseguinte disposición de abastecemento de combustible en toda a costa.

Este cambio de modelo debe producirse, en palabras do responsable autonómico, de forma gradual, realista e asumible para o sector, respectando o medio ambiente, pero tamén garantindo a súa competitividade. Un camiño que permitirá garantir, ademais, un sistema alimentario europeo sostible.

Para elo, o Goberno galego está tamén integrando esta cuestión no marco da liña da economía azul e xa desenvolveu a súa propia Axenda Sostible; unha folla de ruta coa que impulsar aqueles avances tecnolóxicos nos sectores que viven do mar, que contribúan ao proceso de descarbonización e que propiciarán un salto económico dirixido a alcanzar a neutralidade climática e tamén á consecución de portos máis ecolóxicos.

A segunda edición

A segunda edición deste Foro dispón de tres mesas redondas, que versarán sobre as novas tecnoloxías enerxéticas e combustibles sintéticos, os sistemas de propulsión de baixas emisións e sobre as novas oportunidades laborais no mar. Deste xeito, dende hoxe ata mañá xoves, daranse cita na Escola Técnica Superior empresas líderes a nivel nacional e internacional no desenvolvemento de novas tecnoloxías enerxéticas, combustibles sintéticos e sistemas de propulsión con baixas emisións de CO2.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2024