A delegada territorial da Xunta aborda coa directiva de Asfedro algunhas das iniciativas que a entidade ten previsto poñer en marcha proximamente
Martina Aneiros mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa presidenta, Sari Alabau, que lle deu a coñecer o proxecto de renovación da comunicade terapéutica Tito Pena-O Confurco, así como o programa de actividades previsto para a celebración do 40 aniversario da asociación
Ferrol, 17 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa presidenta da Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Asfedro, Sari Alabau, para coñecer algúns dos proxectos nos que se está inmersa a entidade e avaliar o seu programa de actividades de cara ao próximo ano.
Durante o encontro, no que tamén tomaron parte outros membros da directiva de Asfedro, abordouse o proxecto de renovación da comunidade terapéutica Tito Pena-O Confurco, así como o programa de actividades previsto para a celebración do 40 aniversario da entidade, entre outros proxectos e actividades a desenvolver durante o ano 2025.
A delegada territorial aproveitou a ocasión para recoñecer o traballo da entidade no seu labor asistencial e humano na loita contra as adicións e apelar á unión de esforzos entre administracións, tecido asociativo e sociedade para seguir sensibilizando sobre unha problemática que afecta a numerosas familias.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, ten asinado con Asfedro un convenio de colaboración que este ano ascende a 1,1 M€. Esta achega autonómica permite sufragar os programas de carácter sociosanitario para a axudar ás persoas en situación de drogodependencia e ás súas familias, financiar a actividade que se desenvolve na comunidade terapéutica, con 22 prazas, e prestar atención asistencial a arredor de 1.200 persoas, 50 delas a través do programa semipresencial.