Lorenzana e os alcaldes da área de Bergantiños abordan as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para atraer investimentos á comunidade
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantén un encontro de traballo cos alcaldes de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso
Laxe (A Coruña), 17 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro de traballo con alcaldes de área de Bergantiños para analizar as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para atraer investimentos a Galicia.
En concreto, a conselleira reuniuse coa alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño; o de Coristanco, Juan Carlos García; o alcalde de Laxe, Francisco Charlín; o de Malpica, Eduardo Parga; e o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato.
Neste sentido, explicou que o Plan de aceleración de proxectos industriais que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento; ou a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que depende do Igape, e que desde o mes de abril xa atendeu máis de 8.000 consultas de empresas.
Tamén se abordaron as necesidades de solo industrial destes concellos, onde a conselleira lembrou que a Xunta pon a disposición das empresas solo industrial gratuíto durante os primeiros oitos anos co obxectivo de facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade ou ampliar as existentes.
Na xuntanza, enmarcada na rolda de encontros da titular de Economía e Industria con alcaldes e alcaldesas da comunidade galega, Lorenzana aproveitou ademais para recoller as propostas e iniciativas trasladadas polos rexedores municipais para mellorar a competitividade empresarial.