A Xunta colabora co centro penitenciario de Teixeiro a través de programas que promoven a reinserción social

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar  organizou unha andaina cos internos do módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro

Curtis (A Coruña), 21 de outubro de 2024

Os internos do módulo 1 do cárcere de Teixeiro participaron a pasada semana nunha andaina terapéutica organizada polo equipo de inclusión social do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este tipo de actividades permiten potenciar e facilitar o contacto dos reclusos co exterior de cara á súa reinserción social.

Durante esta andaina os internos percorreron un treito de 10 quilómetros dunha etapa do Camiño de Santiago entre Paradela e Montouto, localidades do concello de Curtis. Despois da actividade, desfrutaron dun xantar e tempo de lecer ata a súa volta ao centro penitenciario.

O equipo de inclusión social do consorcio desenvolve nese módulo 1 de Teixeiro o programa “Preparación para a vida en liberdade” que busca dotar aos internos de habilidades e destrezas útiles para a  reincorporación a súa contorna sociocomunitaria. Entre as actividades organizadas hai andainas terapéuticas como a desenvolvida a pasada semana, alternativas deportivas ou culturais.

O equipo de inclusión do módulo 1 de Teixeiro, o Nelson Mandela, forma parte da Rede de Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que conta en total con 20 grupos de traballo. Ademais, esta actividade enmárcase na operación Itinerarios de Inclusión Social do Consorcio para este 2024 e que está cofinanciado pola Unión Europea.

Data de actualización: 21/10/2024