Medio Rural e as organizacións agrarias acordan unha postura común para defender o orzamento da PAC e as medidas de desenvolvemento rural
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A Consellería do Medio Rural e as organizacións agrarias acordaron hoxe defender unha postura común ante a futura Política Agraria Común (PAC), co obxectivo de garantir un orzamento suficiente, que manteña cando menos a dotación actual, así como a continuidade das intervencións de desenvolvemento rural.
Este foi un dos acordos da reunión que mantiveron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro Santos, o presidente de Asaga, Francisco Bello, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
Durante o encontro, tamén acordaron traballar conxuntamente no deseño das axudas agroambientais de Galicia para o novo período da PAC, co fin de atender as necesidades das explotacións galegas. En relación co cumprimento da Lei da cadea alimentaria, a Consellería trasladou que a Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria está desenvolvendo plans de control dos contratos nos distintos sectores, facendo maior fincapé no lácteo, no cárnico e no vitivinícola.
Ademais, acordaron convocar para a próxima semana o grupo de traballo do Observatorio do Sector Lácteo e, posteriormente, unha reunión do propio Observatorio. Tamén se chegou ao compromiso de traballar na creación dunha ferramenta para o cálculo dos custos de produción, de acordo co establecido na Lei da cadea alimentaria.
A xuntanza enmárcase na interlocución habitual entre a Consellería e as organizacións agrarias. Neste contexto, analizouse a situación dos distintos sectores agrogandeiros galegos e puxéronse en común propostas de actuación para responder ás súas necesidades.