O presidente da Xunta participou no pleno do Comité Europeo das Rexións

Rueda reivindica en Bruxelas a capacidade de Galicia para seguir xestionando os seus fondos europeos e defende priorizar os intereses da comunidade

Aposta por que o próximo Marco Financeiro Plurianual da UE 2028-2034 garanta a participación das comunidades na definición dos investimento e na súa aplicación

Reclama reducir a burocracia para que as pemes das rexións periféricas participen na industria da defensa e potenciar proxectos de dobre uso civil e militar

Reclama un incremento dos fondos europeos para a prevención de incendios e a loita contra a seca xestionados directamente polas comunidades autónomas

Advirte do atraso do Goberno central na preparación do Plan Español ante un calendario axustado para negociar o novo marco financeiro europeo

Bruxelas, 13 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe en Bruxelas a capacidade de Galicia para participar na definición das prioridades do próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea 2028-2034 e para seguir xestionando os fondos destinados a atendelas. No marco do Comité Europeo das Rexións (CdR), defendeu que a futura programación comunitaria teña en conta os intereses estratéxicos da comunidade e garanta a participación dos gobernos autonómicos tanto na selección dos investimentos como na súa execución.

Rueda lembrou que hai un ano, coa sinatura da Declaración Galicia en Santiago de Compostela, se acordou unha postura común para reclamar que as perspectivas rexional e local continuasen a ter un papel relevante na negociación e aplicación das políticas europeas. Tras os contactos mantidos cos responsables europeos, constatou que os esforzos do ámbito rexional están a dar os seus froitos e que a propia Comisión Europea vén de asegurar que as rexións seguirán desempeñando un papel clave na elaboración e aplicación de estratexias e proxectos adaptados ás súas necesidades.

Non obstante, puxo o foco na necesidade de actuar sen demora ante os prazos marcados polas institucións comunitarias. Explicou que o calendario resulta moi esixente, xa que as fases de debate informal e consulta pública deben desenvolverse ao longo do próximo ano para que os plans poidan poñerse en marcha en 2028. A este respecto, amosou a súa preocupación por que, a diferenza doutros estados membros onde xa se iniciaron os traballos de diálogo interno, en España aínda non se concretou a estratexia para canalizar esta negociación.

“Volvemos insistir na necesidade de que, canto antes, as rexións e os concellos sexamos consultados nesa fase de elaboración, de fixación da postura española, na negociación do novo marco financeiro. Imos con moito atraso, hai moito traballo por facer e, desde logo, non é por culpa das comunidades autónomas nin dos concellos”, asegurou.

Alfonso Rueda defendeu que o futuro plan debe identificar de xeito preciso os orzamentos asignados a cada territorio para darlles estabilidade e evitar cambios de criterio de última hora. Así mesmo, animou ás comunidades a ir definindo as prioridades de gasto e a seleccionar aquelas que sexan máis eficientes e que mellor aproveiten as sinerxías entre administracións, co fin de manter o financiamento que corresponde ao desenvolvemento autonómico.

Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo

Rueda interveu tamén no debate sobre a transformación da industria da defensa na UE, celebrado no Pleno do Comité Europeo das Rexións, onde defendeu que o reforzo das capacidades industriais e tecnolóxicas europeas debe contar coa participación das pequenas e medianas empresas e dos actores locais das rexións periféricas. Para avanzar neste obxectivo, avogou por simplificar os mecanismos de acceso, reducir as trabas burocráticas e ofrecer maior apoio técnico, así como por reforzar a cooperación entre territorios para facilitar a súa integración nas cadeas de valor europeas.

O presidente salientou, ademais, que o investimento en defensa “debe compatibilizarse con outras prioridades, como a educación, o transporte e a transición enerxética”, e apostou por impulsar proxectos de dobre uso civil e militar que favorezan o emprego de calidade, a dixitalización e a competitividade rexional.

Neste ámbito, lembrou que Galicia xa está a traballar na súa Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030, apoiada na innovación, na colaboración público-privada, na atracción de talento STEM e nas capacidades de sectores como o naval, a automoción, as tecnoloxías da información e a comunicación e o aeroespazo.

Máis fondos para a seca e incendios

Asemade, tomou a palabra na sesión plenaria do Comité durante o debate centrado nos retos do cambio climático, a seca e a loita contra os incendios forestais. Na súa intervención, reclamou destinar máis recursos á prevención e outras necesidades nos territorios. Defendeu que sexan os gobernos rexionais quen executen directamente estes orzamentos para mellorar a anticipación, as infraestruturas de abastecemento e a autoprotección fronte ás emerxencias. “Todo iso facémolo maioritariamente as comunidades autónomas e, polo tanto, debemos ser escoitadas na conformación deses fondos e tamén despois ter participación na súa execución”, asegurou.

Data de actualización: 13/10/2026