A Xunta e o Concello de Cariño avalían vías de colaboración para a posta en valor da contorna do río Sagrón

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Cariño, Ana López, reuníronse recentemente para avaliar vías de colaboración de cara a poñer en valor a contorna do río Sagrón.

Segundo informou a alcaldesa á conselleira, o Concello está interesado en desenvolver un paseo fluvial ao carón do río Sagrón co obxectivo de dotar á veciñanza dun espazo de encontro e lecer que contribúa a mellorar a súa calidade de vida. O proxecto tamén incluiría a posibilidade de habilitar unha área recreativa na contorna da ponte da Area, que inclúa a súa recuperación.

Nesa liña, Ángeles Vázquez trasladoulle á alcaldesa a posibilidade de que esta actuación poida optar ás axudas para concellos en Rede Natura, que teñen como finalidade garantir a preservación da biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2024