A Xunta aposta por unha xustiza sostible enfocada na cidadanía

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración do seminario ‘Xustiza sostible para as familias’ organizado pola Universidade de Vigo co apoio da Xunta

Pontevedra, 24 de outubro de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración do seminario Xustiza sostible para as familias, organizado pola Universidade de Vigo co apoio da Xunta, onde sinalou a importancia de situar a cidadanía no centro das actuacións xudiciais. Así, apuntou á necesidade de que a xustiza  resolva os problemas das persoas “de xeito real e efectivo, cunha reposta pronta e de calidade”.

O director xeral avogou por reducir a litixiosidade e facilitarlle o acceso á xustiza a toda a poboación, ademais de crear institucións eficaces e responsables en todos os niveis. Nesa liña, referiuse ao labor da Xunta para avanzar na prestación dun servizo “eficaz, eficiente, accesible e tecnolóxico, que  promova a igualdade e a dignidade”. Para Tronchoni, as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental neste obxectivo e especialmente a Intelixencia Artificial “clave no proceso de dixitalización e na colaboración entre todos os operadores xurídicos”.

Esta colaboración facilita “un enfoque máis proactivo e transparente na prestación dos servizos legais”, segundo afirmou o director xeral, quen incidiu na necesidade de fomentar unha “cultura de apertura e de transparencia entre administracións, entidades privadas e familias”.  José Tronchoni salientou a transversalidade da xustiza, que require dunha “aplicación global e inspiradora en todos os ámbitos da Administración que permita tomar medidas para protexer os sectores máis vulnerables e darlles reparación se é o caso”, engadiu.

Data de actualización: 24/10/2024