María José Gómez avanza que no 2025 publicarase o decreto do novo contrato de xestión forestal pública

Así o anunciou na clausura da Asemblea Xeral Extraordinaria 2024 de LugoMadera, celebrada hoxe no Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral lucense

Este marco normativo establecerá as novas regras na relación entre a Administración forestal e os propietarios, substituíndo os consorcios e convenios dos montes veciñais de xestión pública

A maiores, a conselleira explicou que se seguirá apostando por achegas para a boa gobernanza, a creación de novas superficies forestais, accións silvícolas, a plantación de castiñeiros e ás agrupacións forestais de xestión conxunta

Galicia é a primeira potencia forestal de España, xa que a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros

Lugo, 25 de outubro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan: e  o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal; participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral Extraordinaria 2024 de LugoMadera. Nela, anunciou que se avanzará en dúas medidas recollidas na 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040: “Cara á neutralidade carbónica” no vindeiro ano. Neste sentido, publicarase o Decreto do Novo Contrato de Xestión Forestal Pública, así como o inicio da tramitación do novo marco normativo da Lei de Montes Veciñais en Man Común.

O Decreto do Novo Contrato de Xestión Forestal Pública establecerá un marco normativo no que se recollerán as regras da relación entre a Administración forestal e os propietarios, substituíndo os consorcios e convenios dos montes veciñais de xestión pública. Con isto cúmprese un dos compromisos adquiridos para o primeiro quinquenio do Plan Forestal de Galicia 2021-2040.

Ademais, a conselleira do Medio Rural puxo en valor un investimento de máis de 6,5 millóns de euros ao longo deste ano en achegas para a boa gobernanza, a creación de novas superficies forestais, accións silvícolas, a plantación de castiñeiros e ás agrupacións forestais de xestión conxunta. “Podo garantirlles que este apoio seguirá no ano 2025”, engadiu.

A titular do departamento incidiu que nos próximos anos traballase para promover unha  xestión forestal activa como un dos piares fundamentais na consecución dun “medio rural vivo e activo economicamente”. A maiores, fixo fincapé en que deberá ser compatible coa conservación da biodiversidade, a riqueza forestal e o acervo histórico, cultural e natural do monte galego.

Por outra banda, quixo resaltar o labor que se está a facer na diversificación do monte galego a través de iniciativas como os plans estratéxicos do castiñeiro e do fomento da xestión activa das masas de frondosas autóctonas. Ademais, tamén recalcou as futuras iniciativas encamiñadas ás coníferas e ao sector forestal industrial da nosa comunidade, que buscan consolidar esta diversificación cunha importante aposta pública.

Galicia, potencia forestal

A conselleira do Medio Rural tamén destacou na clausura desta asemblea que Galicia é a primeira potencia forestal de España, xa que a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros. De feito, a cadea forestal-madeira supón preto do 2% do PIB de Galicia, move 2.000 millóns de euros anuais e dá emprego a unha 70.000 persoas.

Finalmente, salientou o papel da provincia de Lugo dentro do sector forestal galego, xa que representa preto do 40% do volume total de aproveitamentos madeireiros na nosa comunidade e subliñou o importante labor que leva a cabo LugoMadera a prol do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024