A Xunta celebra o centenario da primeira usuaria da casa do maior de Tarroeira

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria visitou o centro para felicitar a Manuela Barreiro e conversar con ela

Tordoia (A Coruña), 25 de outubro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro Liñares, acudiu á casa do maior de Tarroeira para celebrar o 100 aniversario da primeira usuaria deste recurso, Manuela Barreiro.

Manuela Barreiro acode cada día á casa do maior onde participa activamente en todas as actividades co resto de usuarios. Durante a visita, Antón Acevedo, puido coñecer máis detalles da súa vida que sempre estivo vinculada ao mundo rural.  Así, o director xeral recalcou que a centenaria se atopa en perfecto estado de saúde e é unha muller moi activa.

Esta tarde Manuela Barreiro e os seus compañeiros da casa do maior celebrarán o aniversario cunha merenda no centro e  durante a fin de semana poderá gozar doutra festa na súa casa rodeada dos seus achegados.

Ademais, o concello de Tordoia conta con tres casas do maior que funcionan a pleno rendemento. O concello destaca que estes recursos son unha iniciativa de éxito para fomentar o avellentamento activo e a autonomía das persoas maiores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024