A Xunta eleva a 180 as persoas beneficiarias da segunda fase do proxecto pioneiro de arraigamento por formación para migrantes ao sumar á ONG Rescate Internacional
O Consello do Goberno galego autorizou a sinatura dun convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e esta entidade, que se une aos xa en marcha con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo e as Escolas Familiares Agrarias
Suporá practicamente duplicar os beneficiarios da primeira edición, cando participaron máis de cen persoas estranxeiras, das cales máis dun 70% conseguiron un traballo indefinido grazas ás microformacións recibidas a través de case 60 cursos
Cun investimento global que se achega xa aos 1,2 M€ na nova andaina, o obxectivo é que migrantes en situación irregular obteñan autorización de residencia e de traballo, ao tempo que se contribúe a facer fronte á falta de man de obra en certos sectores
Nun encontro coa secretaria de Estado de Migraciones a semana pasada, o conselleiro de Emprego fixo fincapé en que estes convenios demostran que as microformacións funcionan para fomentar a regularización e integración sociolaboral dos migrantes
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou que o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a ONG Rescate Internacional, que suporá “pasar dos 100 beneficiarios iniciais a 180” na segunda edición do programa pioneiro de arraigamento para a formación dirixido a persoas migrantes en situación irregular. O acordo súmase aos subscritos e xa en marcha con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo e a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia, o que supón que se dobre o investimento autonómico para o efecto ata preto dos 1,2 millóns de euros. Segundo indicou a conselleira, “queremos chegar a moita máis xente e por iso tamén redobramos o esforzo orzamentario”.
Tras ter beneficiadas na primeira fase máis de 100 persoas —das cales o 100% das que recibiron microformacións a través de case 60 cursos conseguiron permiso de residencia e máis dun 70 % acadaron un traballo indefinido—, Ángeles Vázquez explicou que o obxectivo agora é que “o 70% logre a autorización de residencia e traballo ao rematar a formación”, cando menos 126 dos 180 migrantes participantes, co que se daría un pulo á súa integración sociolaboral e á regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral.
O novo convenio —que estará vixente desde a súa sinatura ata finais do ano que vén— volve botar man da figura do arraigamento para a formación recollida para persoas que residan en España en situación irregular e que cumpran un compromiso efectivo de formación co obxectivo de poder obter unha autorización de residencia. Así, poderase, por unha banda, obter persoal coa formación necesaria para cubrir postos que ofertan as empresas e, por outra, incorporar ao mercado laboral persoas que están traballando de maneira precaria ou directamente irregular.
En concreto, poderán beneficiarse persoas en situación irregular en España, cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais e que se comprometan a realizar unha formación das establecidas, para poder obter unha autorización de residencia e, posteriormente, unha autorización de residencia e de traballo. Este ano, como novidade, non se exixirá como requisito a inscrición previa con tres meses de antigüidade no padrón en Galicia.
Desenvolvemento do convenio
O proxecto consta dun itinerario de arraigamento para a formación, que arrancará coa captación de potenciais participantes, coa prospección empresarial para determinar ámbitos de formación con máis posibilidades de inserción laboral e coa selección de beneficiarios. Despois, elaboraranse itinerarios individualizados en que deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguimento e acompañamento, así como de adquisición e/ou fortalecemento de capacidades para o acceso e permanencia no mercado laboral.
A seguir, o proxecto recolle a formación capacitante para obter a autorización de arraigamento para a formación segundo os resultados da prospección empresarial, e inclúe tamén, como novidade, contidos a prol da igualdade entre homes e mulleres e a posibilidade de financiamento do permiso de conducir clase B para as persoas que, polo seu perfil, poidan precisalo de cara a aumentar as súas oportunidades laborais. Por último, a inserción laboral das persoas participantes deberá producirse a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigamento para a formación, e prevese o acompañamento e seguimento individualizados.
No marco dos convenios, a ONG Rescate Internacional comprométese a desenvolver todas as accións descritas e a pór á disposición os recursos precisos para a súa execución. Pola súa banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, máis alá de achegar neste caso un importe de 227.850 euros, facilitará a información de que dispoña relativa a ofertas de traballo non cubertas e aos perfís profesionais máis demandados.
Balance 2023
Coa previsión de acadar as 180 persoas migrantes beneficiarias das que polo menos 126 consigan traballo, a iniciativa dá continuidade ao levado a cabo desde o pasado ano 2023, cando a máis dun cento de persoas se lles elaboraron itinerarios individualizados de arraigamento para a formación. Delas, o 100 % das que recibiron as microformacións conseguiron permiso de residencia e máis do 70 % tiveron autorización de residencia e de traballo para incorporarse a empregos de carácter indefinido, empregos relacionados cun total de 59 accións realizadas nas catro provincias, centradas en eidos como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.
Cómpre engadir que todas as accións formativas impartidas foron orientadas á obtención de microcredenciais, unha tipoloxía de formación que a Xunta fixo valer no marco das alegacións presentadas —en coordinación con empresas e entidades do terceiro sector— ao borrador de Real decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social. Nunha xuntanza mantida a semana pasada coa secretaria de Estado de Migraciones, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración tamén fixo fincapé en que estes convenios demostran que as experiencias de aprendizaxe de curta duración son unha vía complementaria idónea de cara a fomentar a empregabilidade e a regularización das persoas migrantes en situación irregular, ao tempo que se contribúe a dar resposta ás necesidades do mercado laboral.