Arias visita a feira 'L de Lugo', que enxalza os produtos agroalimentarios galegos de calidade co apoio da Xunta
Lugo, 28 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a feira L de Lugo, organizada pola Asociación lucense de Distribuidores de Hostalería e Alimentación (Adislugo). O Goberno galego apoia esta cita, que enxalza os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.
Arias percorreu os expositores instalados no recinto do Pazo de Feiras e Congresos, entre eles o da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.
Neste último día da feira, as actividades do posto de Agacal centráronse na degustación de embutidos e queixos artesáns; queixos con denominación de orixe protexida que obtiveron a distinción de ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2023; así como unha cata de augardentes e licores tradicionais acompañados de galletas co selo de Artesanía Alimentaria. Ademais, houbo unha demostración de elaboración de pratos a base de carne da IXP Ternera Gallega con produtos hortícolas que ostentan distintivos de calidade ou procedentes da agricultura ecolóxica.
O delegado territorial destacou o potencial desta feira que contou nesta ocasión con preto de 200 expositores e que “conseguiu consolidarse en soamente catro edicións como unha das citas gastronómicas imprescindibles do noroeste peninsular e como excelente escaparate para a nosa riqueza culinaria, abrindo novas oportunidades de negocio e reivindicando ao mesmo tempo o potencial turístico das nosas comarcas”.
No marco da feira celebrouse ademais esta tarde a final do concurso para elixir a mellor hamburguesa galega, un recoñecemento disputado que recaeu na proposta de El Boni, de Lugo.