Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada na primeira edición de Vitis Lumen en Larouco

Os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; asistiron hoxe á celebración desta nova iniciativa arredor do viño e do territorio

A Consellería promoveu cinco propostas gastronómicas ao longo do percorrido, nas que estiveron representados diferentes produtos con DOP, IXP e o selo de Artesanía Alimentaria

Larouco (Ourense), 8 de agosto de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; asistiron hoxe á primeira edición de Vitis Lumen, unha iniciativa celebrada no concello de Larouco que propón un percorrido arredor do viño ao que a Consellería do Medio Rural sumou a promoción da diversidade e calidade das producións agroalimentarias galegas.

Baixo a proposta “Saborea o Vitis Lumen”, Medio Rural promoveu cinco paradas gastronómicas ao longo da ruta, concibidas para achegar ao público diferentes produtos galegos amparados por figuras de calidade diferenciada e polo selo de Artesanía Alimentaria. Deste xeito, o percorrido entre viños converteuse tamén nunha oportunidade para saborear Galicia a través dos seus produtos e coñecer a diversidade da súa produción agroalimentaria.

As degustacións incluíron produtos cárnicos de Artesanía Alimentaria acompañados de pans con indicación xeográfica protexida; queixos e meles recoñecidos nas Catas de Galicia; elaboracións con carne da IXP Ternera Gallega e Pemento de Herbón; Grelos de Galicia e Lacón Galego; así como xeados creados por operadores de Artesanía Alimentaria. A iniciativa permitiu así reunir nun mesmo percorrido produtos vinculados a diferentes territorios e formas de produción de Galicia.

Neste contexto, Alemparte salientou que a calidade diferenciada constitúe unha ferramenta para xerar valor a partir da orixe e da identidade das producións galegas. Así, destacou que estes distintivos non só ofrecen ao consumidor garantías sobre a orixe, autenticidade e calidade dos alimentos, senón que contribúen tamén a protexer o patrimonio agroalimentario, fortalecer a identidade dos territorios e xerar maior valor para as persoas produtoras.

O director incidiu ademais na importancia de achegar estes produtos ao consumidor a través de experiencias que permitan coñecelos, degustalos e identificalos cos territorios dos que proceden. Neste sentido, puxo Vitis Lumen como exemplo das posibilidades de sumar viño, gastronomía e territorio para reforzar a promoción das producións galegas de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2026