A Xunta reforma a cuberta do taller de soldadura do IES Johan Carballeira
As obras foron posibles grazas a unha achega de máis de 36.000 euros
Nos últimos dez anos leváronse a cabo actuacións por valor de 600.000 euros neste centro
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suporá un investimento nos centros educativos da provincia de Pontevedra de case 100 millóns de euros
Bueu, 29 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto ao director territorial de Educación, César Pérez, esta mañá o IES Johan Carballeira, no concello de Bueu, onde a Xunta levou a cabo unhas obras de reforma da cuberta do taller de soldadura.
Esta actuación contou cun orzamento de 36.187 euros e permitiu solucionar os problemas de filtracións e pingueiras que sufría esta parte do edificio no que ademais se almacena algunha maquinaria.
Neste sentido, o delegado territorial mostrouse moi satisfeito co resultado da obra e lembrou que a educación e o mantemento dos centros escolares é unha das prioridades da Xunta.
Cabe destacar que nos últimos dez anos realizáronse reformas e melloras neste centro por valor de 600.000 euros. Unha das máis importantes foi a substitución de luminarias na que a Xunta investiu máis de 144.000 euros o pasado ano.
Algunhas desas obras encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros.
Na provincia de Pontevedra este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica permitiu realizar un total de 613 obras, entre 132 grandes obras cun investimento de 63,2 millóns de euros; 460 obras pequenas e medianas por valor de 14,2 millóns de euros; e 21 instalacións fotovoltaicas que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros. A maiores, hai 21 actuacións comprometidas que aumentarán en case 22 millóns de euros o investido neste plan na provincia de Pontevedra.