A Xunta adxudica por preto de 3 M€ as obras de renovación do firme en sete estradas ao seu paso por Vigo e tres concellos da comarca
Melloraranse as características funcionais en distintos treitos das vías autonómicas: PO-010, PO-330, PO-323, PO-324, PO-325, PO-371 e PO-403, ao seu paso polos concellos de Vigo, Redondela, Nigrán e Salvaterra do Miño
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas segue a traballar na mellora das características da rede actual de estradas da Xunta, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar por un investimento de 2.926.775,38€ as obras de renovación do firme en sete estradas autonómicas ao seu paso por Vigo e tres municipios da comarca.
O obxectivo é mellorar as características funcionais destas estradas da titularidade da Xunta e reforzar a seguridade viaria en distintos treitos nas estradas da Xunta: PO-010, PO-330, PO-323, PO-324, PO-325, PO-371 e PO-403, ao seu paso polos concellos de Vigo, Redondela, Nigrán e Salvaterra do Miño.
Os traballos, adxudicados á empresa Marconsa, Movimiento de Aridos y Construcciones de Arosa, S.L, consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Os traballos previstos nestas estradas da comarca de Vigo incluirán obras en preto de 14,7 quilómetros de lonxitude, e o prazo previsto de execución destas obras é de oito meses.
En todas as actuacións contempladas nestes proxectos non son necesarias as expropiacións de terreos, xa que están incluídas dentro da franxa de dominio público de titularidade da Xunta.
A Xunta segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.