A Xunta coordinará co Concello de Vigo e a Delegación do Goberno as actuacións precisas para garantir a seguridade na contorna da estación de autobuses
O Goberno galego actuará como administración titular da infraestrutura de transporte coa instalación dun peche, para o que pide o apoio dos servizos sociais municipais e da Policía Nacional
Lémbralle á Administración local que, conforme á normativa vixente, ten a competencia para a prestación de atención inmediata ás persoas sen fogar presentes na zona
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
A Xunta coordinará co Concello de Vigo e a Delegación do Goberno as actuacións precisas para garantir a seguridade na contorna da estación de autobuses, ante a presenza continuada de persoas sen fogar. Así se acordou hoxe nunha xuntanza entre representantes das administracións autonómica e local.
Por parte da Xunta, instalarase un peche provisional nos soportais do espazo de titularidade autonómica, para o que xa se presentou a comunicación previa de obra ao Concello. Ademais, pedíuselle colaboración para executalo tanto ao Concello, a través dos servizos sociais, como á Delegación do Goberno a través da Policía Nacional.
Deste xeito, o Goberno galego asume a súa responsabilidade como administración titular da infraestrutura, restrinxindo o acceso á zona para impedir usos inadecuados e contribuír a unha xestión máis eficiente das instalacións. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de seguridade, facilitar os labores de limpeza e mantemento, preservar o estado de conservación do inmoble e contribuír a un uso ordenado e axeitado das instalacións, sen menoscabo da accesibilidade nin do correcto funcionamento da estación.
En canto á presenza de persoas sen fogar, a Xunta lembroulle ao Concello de Vigo que, segundo a normativa vixente, a Administración local ten a competencia para a atención inmediata das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como para a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos. O Goberno galego colaborará tamén nesta atención no marco das súas competencias e como veu facendo ata o de agora, a través do apoio ás entidades sociais e aos seus programas neste ámbito.