A Xunta pon en valor en Cervantes o potencial da economía social para fixar poboación no rural
Cervantes (Lugo), 3 de outubro de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na mesa de diálogo Perspectivas de futuro para a comarca dos Ancares, retos globais en contextos específicos no marco da xornada A economía social en contornas rurais de reto demográfico, promovida polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Alí, acompañada de persoas representantes de distintas entidades implicadas na economía social, amosouse convencida do potencial que ofrece esta fórmula para fixar poboación no rural a través da xeración de actividade económica e da creación de emprego de calidade pegado ao territorio.
Nesa liña, a directora xeral puxo en valor os case 45 M€ orzamentados este ano pola Xunta a prol da economía social, así como a Estratexia con horizonte 2027 en vigor que persegue a creación de 4.000 empregos e de 400 entidades. Tamén se referiu aos plans locais de economía social que se veñen de presentar en Baiona e Ribadavia, co fin de identificar as oportunidades desas contornas e de definir medidas adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.