A Xunta autoriza a repotenciación dun parque eólico de preto de 50 megavatios no concello das Somozas
O proxecto aprobado suporá o desmantelamento das instalacións existentes e a restauración das canalizacións e camiños que queden sen uso así como a posterior colocación doutras novas coas que se pasará de 81 aeroxeradores a unicamente nove
A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a tramitar na actualidade nove proxectos de repotenciación que se sumarán a cinco xa executados que permitiron reducir de 238 a 28 os aeroxeradores instalados no territorio
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia autorizou a repotenciación dun parque eólico de preto de 50 megavatios no concello coruñés das Somozas. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático pola que se autoriza tanto o desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Somozas como a construción de novas instalacións na contorna pasando dun total de 81 aeroxeradores a unicamente nove.
Deste xeito, a empresa promotora desmantelará os aeroxeradores instalados neste parque -nos montes da Serra, Marbán e Vilalbesa- e os equipamentos asociados a el como 81 centros de transformación, a rede eléctrica de media tensión soterrada, a subestación de evacuación e tres torres meteorolóxicas. En paralelo, restauraranse tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso.
Mentres, as autorizacións administrativas para proceder á repotenciación do proxecto Somozas -a previa ás instalacións e a de construción- suporá a instalación de novos equipamentos como nove aeroxeradores cos correspondentes centros de transformación, unha rede eléctrica soterrada de media tensión, unha subestación transformadora e unha torre meteorolóxica.
O futuro parque contará cunha produción neta de 175.880 megavatios hora ao ano tras un investimento total -entre o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación- de arredor de 50 millóns de euros.
A esta resolución súmase outra, tamén publicada hoxe no DOG, pola que se outorga a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena Galluda, cunha potencia de 3,45 megavatios, no concello coruñés da Laracha.
Na actualidade a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a tramitar nove proxectos de repotenciación -catro xa autorizados entre os que se inclúen os dous publicados hoxe no DOG e que se prevé que sexan construídos durante 2025- que permitirán pasar de 361 aeroxeradores existentes na actualidade a 75, o que supón unha redución do 80%.
Estas repotenciacións dan continuidade a outras executadas nos últimos anos e xa operativas de cinco proxectos que suman unha potencia de preto de 83 megavatios. Esas cinco actuacións permitiron reducir de 238 a 28 os aeroxeradores instalados no territorio, o que supón unha rebaixa de preto do 90%.